O primeiro dos bloques de tres concertos recibe o título de “Outras voces” e ten como obxectivo ofrecer unha lectura diferente, con puntos de vista actuais sobre a música clásica. Neste programa non podemos pasar por alto a figura e o traballo silenciado das mulleres na música clásica, en concreto a acción das compositoras e intérpretes  na música sinfónica. É na música onde este silencio existe dun xeito máis notable e inexplicable, sobre todo se o comparamos coa situación das mulleres con respecto ao resto das artes.

Buscamos con este concertos reivindicar os traballos e as figuras silenciadas, poñéndoas en valor en dous concertos cuxa programación está integramente  adicado a compositoras de distintos estilos. Ademais pretendemos complementar este traballo con dúas charlas en colaboración coa Unidade de Igualdade da Universidade de Vigo e Instituto Camões en torno á muller na música sinfónica. A primeira será o 4 de abril e estará centrada nos século XIX e XX. A segunda será o 3 de maio e aborará os séculos XVII e XVIII, estendendo así este traballo de visibilización fóra do teatro e complementándoo cunha tarefa de divulgación realizada por dúas musicólogas.

Na primeira das datas programadas interpretaremos o concerto de violín de Grazyna Bacewicz, que presenta unha calidade innegable, tanto dende o punto de vista musical como técnico. Obras sinfónicas que a situarían entre as figuras máis destacadas do seu momento. A realidade, para a nosa sorpresa e reflexión, é que é unha artista descoñecida. O mesmo ocorre no caso de Mariana Von Martínez -Mari Anna Martínez ou Marianna Martines, segundo se atope en distintas edicións-, unha compostora do clasicismo na Viena de Haydn, sendo, de feito, discípula deste compostor. De ascendencia española, esta muller ofrece obra de gran calidade formal, na liña das composicións do seu momento e estilo. A realidade que nos atopamos é que esta compositora que se enfronta á música sinfónica é outra descoñecida. Nun caso distinto atópase a obra da francesa Cécile Chaminade, unha frautista e compostora que ten un concerto dos máis coñecidos e interpretados para este instrumento.

Descoñecemento, desinterese e deixadéz á hora programar son as principais hipóteses para que artistas como as seleccionadas para estes concertos non estean na primeira liña nos programas das orquestras profesionais. Por iso entendemos que é unha labor fundamental facer este traballo de posta en valor e divulgación dende organizacións como a nosa orquestra.