O sábado 6 de abril viaxaremos ao universo de Purcell, Vivaldi e ao do primeiro Haydn cunha proposta orquestral clásica, a mesma dos nosos primeiros ensaios

 

Dende a Orquesta Clásica de Vigo xa estamos a preparar o segundo evento da temporada, Un Concerto Clásico: Purcell + Vivaldi + Haydn, no que regresaremos ás nosas orixes a través destes tres compositores.

david-garrido-oboe-orquesta-clasica-vigoA sesión, dirixida polo director artístico da formación, Manuel Martínez Álvarez-Nava, celebrarase o sábado 6 de abril no Auditorio do Concello de Vigo ás 20.30 horas e nela, a formación interpretará tres pezas que orbitan entre o barroco e o clasicismo musical.

O programa está composto por The Fairy Queen (Suite) (A raíña das Fadas), de Henry Purcell, Concerto para óboe en re menor; op. 8 n.º 9, de Antonio Vivaldi e Sinfonía n.º 45 en fa sostido menor, de Franz Joseph Haydn. Esta escolla está relacionada co primeiro concerto que ofrecemos hai 35 anos, no que puxemos o foco na obra de Purcell.

COMPRA AS ENTRADAS AQUÍ!

Trátase dun concerto no que prima a delicadeza sonora, con especial protagonismo da sección de corda e no que destacan instrumentos como o clavecín e o óboe. Este último é o escollido para a pasaxe solista, algo moi pouco habitual nun escenario, e que executará David Garrido Caneiro.

En conxunto, este evento toma como referencia o primeiro concerto da Orquesta Clásica de Vigo, no ano no que cumprimos o noso 35 aniversario, co obxectivo de seguir avanzando cara a consecución de novos proxectos e iniciativas singulares que consoliden a visión aperturista da agrupación en torno á música.

Nova cita en maio

A seguinte proposta, da que xa podedes adquirir as entradas, será o sábado 4 maio no Teatro Afundación. Nesta ocasión, dende A Clásica regresaremos ao século XX con Ás dúas beiras: Poulenc + Gershwin, un concerto melódico no que se presentará a obra de dous compositores que desenvolveron o seu traballo con carácter paralelo en París e Nova York.