Práctica Electroclásica
O 16 de novembro estivemos no MARCO, en Vigo, ofrecendo o proxecto Práctica Electroclásica, unha proposta na que se conxugou a música electroacústica e o barroco empregando como nexo a música de Henry Purcell. Para levar a cabo este proxecto contamos cos artistas de EME (Xixón) Miguel Fernández, Honorino García e Jorge Carrillo. Estes tres artistas traballaron sobre a partitura barroca orixinal para xerar unha interpretación propia empregando distintas técnicas e instrumentos contemporáneos. Por outra banda, a sección de vento metal e percusión da Orquesta Clásica de Vigo interpretou as canzonas que compoñen a obra, xerando así un punto de retorno do que partirían cada un dos tres artistas. O resultado foi un diálogo único entre dous tempos e culturas que, por contraposición configuraron o que foi Práctica Electroclásica.
Aquí deixamos unha aproximación á obra que realizaron cada un dos tres artistas:
Paraugas, por Honorino García
Paraugas é unha mostra da descontextualización dun obxecto dentro da obra de arte. Obxectos que cun sentido e significado claro, pasan a ser vestidos pola obra de arte e o seu contexto cun significado completamente diferente.
A democratización das novas tecnoloxías e os materiais de última xeración, hoxe máis que nunca nos permiten converter case calquera obxecto en algo totalmente diferente para o que foi deseñado na súa orixe. Paraugas converte unhas sombrillas de fotografía nun instrumento-controlador musical que está formado por 12 sensores pintados cunha pintura que é capaz de conducir electricidade e reaccionar ao tacto. Cando o dispositivo detecta que os sensores tocáronse envían unha mensaxe a un sintetizador que o converte nun son e a un conxunto de luces LED que o fan iluminarse.
Con este instrumento electrónico creado exprofeso para este concerto, Honorino García reinterpretou a obra de Purcell, seguindo a partitura orixinal e traballando coa electrónica como base para xerar unha obra sorprendente e orixinal.
Paráfrase sobre In The Midst of Life We Live, por Jorge Carrillo
A peza consiste nunha paráfrase electroacústica sobre a obra orixinal de Henry Purcell (entendida a idea de paráfrase ao xeito das que fixese Liszt sobre obras de diversos compositores). Deste xeito o texto musical orixinal pode escoitarse no seu integridade, mais con interpolacións do material electroacústico e superposto, a modo de solista, novo material a cargo dun piano de xoguete que, á súa vez, é procesado en vivo.
Para levalo a cabo realizouse unha reinstrumentación por medio de sintetizadores da obra orixinal, remitindo con iso á que fixese no seu día Wendy Carlos, que se combina cos materiais electroacústicos de nova creación.
O piano de xoguete, ao ser procesado en vivo, difumina o material tonal ata crear xunto coa electroacústica unha nube de sons que evoca o concepto de “as néboas da vida” que aparece na sentenza orixinal, para retomar finalmente o material electroacústico das primeiras seccións, pechando a forma xunto cunha reaparición das últimos pasaxes purcellianos. Finalmente, sobre un colchón armónico nos agudos, creado a partir de todo o procesado anterior, entra o piano de xoguete, agora sen procesar, culminando a obra cun último recordo do motivo principal.
… y de cómo la polifonía se convierte en monodia… , por Miguel Fernández
Miguel Fernández traballou sobre a partitura empregando o EWI (Electronic Wind Instrument) como instrumento. .Con este instrumento non é posible facer a polifonía orixinal da partitura, polo que o proxecto parte dun traballo de compresión dos elementos sonoros. A obra é un fluxo e refluxo da historia, de como se forma e deforma, se estrutura e se desestrutura a obra como testemuña do tempo. A partir de aquí quixo levar a polifonía á monodia, a modo de camino á inversa. No fondo xace a idea da melodía que van dunha obra a outra.
Tras o, Honorino García e Jorge Carrillo empregaron unhas canicas para xerar unha base sonora reiterativa que emulase o movemento do carro fúnebre da raíña Mary, á que Purcell rende homenaxe coa súa obra.
Fotos: Olalla Lojo