8PÉS 2024 · O FFESTIVAL DE ÓRGANO DE VIGO

En 2024, 8pés chega á súa IV edición. Un festival organizado pola Orquesta Clásica de Vigo que naceu en 2021 co obxectivo contribuír á posta en valor do único órgano actualmente en funcionamento da cidade de Vigo: o órgano Alberdi, de 1909, restaurado en 2017 por Federico Acitores. Un instrumento que, pese á súa antigüidade e ás súas orixes, demostra en cada edición as súas altísimas posibilidades artísticas que permiten construír unha audiencia cada vez máis nutrida e esixente.

A cita co festival será os días 20, 21, 22 e 23 de novembro na Concatedral de Santa María de Vigo, coincidindo, como cada ano, coa celebración do día de Santa Cecilia, patroa da música.

Como vén ocurrindo desde a primeira edición, o foco estará posto nos artistas convidados que nos sorprenderán co seu virtuosismo:  a edición de 2024 comezará coa grandísima Montserrat Torrent (Barcelona), continuaremos con Miriam Cepeda (Bilbao), abriremos o festival ao panorama internacional con Alberto Pavoni (Roma) e remataremos con Arturo Barba (Valencia), quen pechará o festival co Concerto n.º 2 para órgano e orquestra de J. Rheinberger, explorando esa interesante relación entre dous instrumentos totais, o órgano e a orquestra.

Así, 8pés —que toma o seu nome da medida do tubo máis grave do rexistro principal do órgano— estase a converter nunha cita ineludible coa historia da música e coa historia da cidade de Vigo. Todo isto nun ano no que a decana de las orquestras de Galicia cumpre 40 anos de existencia.

IV Edición: Artistas

20.11 MONTSERRAT TORRENT (Barcelona)
21.11  MIRIAM CEPEDA (Bilbao)
22.11  ALBERTO PAVONI (Roma)
23.11  ARTURO BARBA (Valencia) + ORQUESTA CLÁSICA DE VIGO

Órgano Alberdi de Santa María de Vigo, 1909

RESERVAR ENTRADAS

8pés 2024 · IV Edición

Nesta IV edición do Festival 8pés teremos a ocasión de afondar no repertorio organístico desde un punto di vista diatópico, no que os catro artistas protagonistas desta edición, coma os catro puntos cardinais nunha rosa dos ventos, apuntarán as direccións das diferentes escolas nacionais que ao longo dos séculos expresáronse a través de instrumentos moi diversos.

Dentro do vasto patrimonio que conforman os instrumentos musicais occidentais, o órgano constitúe un dos mellores exemplos dunha particular duplicidade tipolóxica e funcional: así, ás tradicionais características requiridas a cada órgano pola función litúrxica —compartidas na meirande parte dos contextos—, aparéllase unha especificidade sonora, mecánica e arquitectónica individual da que organistas e compositores teñen sido moi conscientes nas diferentes épocas e áreas xeográficas. O noso órgano, construído por Lope Alberdi no 1909, representa, de feito, un exemplo da grande influencia que a organería francesa do século XIX tivo en toda Europa: a concepción estética deste exemplar vén confirmada pola historiografía, pois Aquilino Amezua, mestre de Alberdi, aprendeu o oficio na Maison Stoltz de París e, desde alí, trouxo moitas das innovacións gálicas a España.

Artistas

Mércores 20 ás 21:00h

Montserrat Torrent

Nas mans da barcelonesa Montserrat Torrent, o órgano Alberdi volta a casa, pois o construtor, tras ocupar o cargo de xefe de taller na empresa de Amezua, tomou as rendas do establecemento con domicilio social no número 40 do Paseo de Gràcia, onde, precisamente, viu a luz o noso instrumento. Como parte desta feliz asociación, os tubos de Alberdi farán soar o Obstinat de Xavier Montsalvatge, que o célebre compositor catalán dedicou, precisamente, a Montserrat. Deste xeito, o órgano móstrase, unha vez máis, non só como obxecto apto a producir música, senón como verdadeira testemuña viva da historia social e estética. Conxuntamente a obras clave do repertorio romántico alemán e francés, así como á Fantasía para un libro de órgano do sevillano Manuel Castillo, resulta particularmente interesante a experimentación que Robert Schumann realiza no seu opus 56, orixinalmente destinado ao Pedalklavier, un piano dotado de pedaleiro polo que o compositor saxón demostrou forte curiosidade.

Xoves 21 ás 21:00h

Miriam Cepeda

O influxo francés do que falabamos xa estivera moi presente no País Vasco desde as últimas décadas do século XIX e deixou unha importante pegada en forma da adquisición de instrumentos moi notables e do modo en que a súa chegada a España condicionou un cambio de visión na organería (non é casualidade que Alberdi fose natural de Gautegiz Arteaga e o seu mestre, Amezua, de Azpeitia). Neste contexto, foron os músicos vascos os primeiros en poñer o ollo (e os pés) máis aló dos Pireneos (o afamado Jesús Guridi estudou en París e Bruxelas, precisamente con Jongen), na busca dun novo estilo compositivo que explotara as características dos órganos que pouco a pouco comezaban a poboar as súas terras, pero tamén que satisfixese os requisitos do novo paradigma estético afianzado no contexto eclesiástico a partir de 1903 coa promulgación (o día de Santa Cecilia, 22 de novembro) do motu proprio de San Pío X Inter sollicitudines, que, entre outras cuestións, promovía a tradición do canto gregoriano e exhortaba os novos músicos a tomalo como fonte de inspiración. A bilbaína Miriam Cepeda preséntanos un programa plenamente enmarcado nesta rica conmixtión da tradición musical da Igrexa, a exploración de novas vías compositivas e a innovación técnica no órgano que se deu a comezos do pasado século e permitiu a incorporación no noso país de elementos construtivos e técnicos hoxe plenamente adquiridos, como o uso do pedaleiro completo, as enteiras divisións encerradas nunha caixa expresiva… ou a substitución da nomenclatura para as tesituras dos rexistros, dos tradicionais 13 palmos ibéricos aos 8 pés.

Venres 22 ás 21:00h

Alberto Pavoni

Non menos importante é o papel do órgano como verdadeiro utensilio para a experimentación artística, no que a incorporación de linguaxes musicais forasteiras conforma, paradoxicamente, unha das súas características máis idiomáticas e non só permite, senón que favorece a adquisición de repertorios alleos á concepción inicial do instrumento. Neste sentido, Alberto Pavoni presenta un exemplo paradigmático, coa transcrición dun concerto para dous violíns de Antonio Vivaldi (pertencente á celebérrima colección L'estro armonico, op. 3) realizada por —nada menos que— Johann Sebastian Bach, quen nunca visitou Italia, pero que demostrou nas súas transcricións un profundo interese e coñecemento do estilo italiano. Esta peza dalgún xeito establece unha contrastante simbiose co magnum opus organístico de César Franck, que fila de novo coas orixes francesas do noso instrumento. Completan o programa Frescobaldi e Morandi, autores separados por case dous séculos que, sen embargo, evidencian na súa obra a dobre expresión sacra e teatral que caracteriza a historia musical do Belpaese.

Sábado 23 ás 21:00h

Arturo Barba + Orquesta Clásica de Vigo

Aínda máis intricado resulta o percorrido xeográfico da abertura de Una cosa rara (título en italiano deste dramma giocoso con libreto do famoso Lorenzo Da Ponte), do valenciano Vicente Martín y Soler, coa que abre o concerto o seu paisano Arturo Barba. A fortuna desta ópera (estreada no Burgtheater de Viena en 1786) foi tal que o mesmo Wolfgang Amadeus Mozart citou algúns compases no seu Don Giovanni. Para non botar nada en falta neste itinerario de ida e volta, a transcrición para órgano desta peza de autor valenciano estreada en Austria é obra dun italiano. Tornando aos contextos compartidos, Arturo Barba preséntanos así mesmo un interesante binomio no que o celebre coral bachiano Nun komm, der Heiden Heiland (Vén agora, Salvador dos xentís), propio do tempo do Advento, confróntase cunha versión separada por case tres séculos e 6000 km, do quebequés Denis Bédard.

Na nosa viaxe, o órgano demostra ser, unha vez máis, o punto de confluencia e experimentación das diferentes expresións estilísticas nacionais, non só nos grandes focos culturais, senón tamén en centros pouco presentes nos libros de historia da música, como a pequena cidade de Vaduz, capital do Principado de Liechtenstein e lugar de nacemento de Joseph Gabriel Rheinberger, autor do Concerto para órgano n.º 2, en sol menor que poñerá o peche á IV edición de 8pés nas mans de Arturo Barba e a Orquesta Clásica de Vigo.

RESERVAR ENTRADAS

Programa de concertos e actividades

Martes 19 de novembro

19:00h Conversa con Montserrat Torrent
Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo

Mércores 20 de novembro

17:00h Presentación e visita guiada ao órgano
17:30h Presentación e visita guiada ao órgano
21:00h Concerto: Montserrat Torrent

Xoves 21 de novembro

17:00h Presentación e visita guiada ao órgano
17:30h Presentación e visita guiada ao órgano
19:00h Conversa: O órgano como cruce de camiños: exemplos da nosa contorna
Sede da Deputación de Pontevedra en Vigo
21:00h Concerto: Miriam Cepeda

Venres 22 de novembro

17:00h Presentación e visita guiada ao órgano
17:30h Presentación e visita guiada ao órgano
21:00h Concerto: Alberto Pavoni

Sábado 23 de novembro

21:00h Concerto: Arturo Barba + Orquesta Clásica de Vigo

Consulta o progama completo dos concertos e actividades
O 8pés quere continuar un ano máis

A IMPORTANCIA DO TEU DONATIVO

En 2023 puxemos en marcha a posibilidade de realizar un donativo para garantir a continuidade deste festival único en Galicia que ten lugar nun espazo de culto, un sitio singular no que se descarta poñer entradas á venda. O 8pés traballa para converterse nun referente peninsular e, para iso, necesitamos seguir medrando contigo, apelando á túa reponsabilidade á hora de ser unha parte activa da túa oferta cultural.

Nas tres edicións anteriores, o festival contou con algúns dos máis importantes referentes do panorama musical estatal, como son Arturo Barba (Palau de les Arts), Loreto Aramendi (Santa María do Coro, Donostia), Fernando Álvarez (Basílica de Covadonga, Asturias), Alize Mendizábal (Santa María do Coro, Donostia), Juan de la Rubia (Sagrada Familia, Barcelona), Daniel Oyarzábal (Auditorio Nacional, Madrid), Roberto Fresco (Catedral da Almudena, Madrid), Enrique Martín-Laguna (Catedral de Getafe, Madrid) e Carlos Fernández Bollo (Catedral de León).

En 2023, o festival superou os 1200 asistentes que compartiron o obxectivo de dar a coñecer o único órgano funcional da cidade de Vigo, manter un instrumento de máis de 100 años en óptimas condicións e xerar unha audiencia crítica e estable.

Facendo gala do mesmo espíritu dos inicios, A Clásica desexa, nesta IV edición, achegar unha vez máis as personas asistentes a un instrumento tan rico e diverso que non deixa indiferente. É por isto que o donativo fai posible que podamos medir o interese, racha coa pasividade e contibúe á sostibilidade do evento.

Grazas.

O ÓRGANO ALBERDI DE VIGO

COÑECE A HISTORIA DO ÓRGANO DA CONCATEDRAL (1909)

Un dos principais obxectivos do Festival 8pés é dar a coñecer e poñer en valor as peculiaridades do mundo do órgano, empregando, para iso, o instrumento da Concatedral de Santa María de Vigo construído por Lope Alberdi en 1909 e restaurado en 2017 por Federico Acitores.

Nesta ligazón poderás consultar as características e especificacións técnicas do órgano Aberdi de Santa María de Vigo, nun percorrido polos elementos ocultos ao público no día a día.

Participa nas visitas

Durante o festival poderás participar, en compaña do musicólogo Daniel Sanmartín, nas visitas guiadas ao instrumento para coñecer en profundidade a súa historia e as súas características.

RESERVAR ENTRADAS

Localización

Concatedral de Santa María de Vigo: 20, 21, 22 e 23 de novembro de 2024