O son reencontrado
Na súa quinta edición, o festival 8pés propón un regreso ás orixes: o reencontro do órgano da Concatedral de Santa María coa voz para a que foi concibido. Despois de catro anos de exploración polos máis diversos estilos e escolas, esta edición volve ao punto onde todo comezou: a lingua sonora do Romanticismo francés. O instrumento construído por Lope Alberdi en 1909, herdeiro directo da tradición de Aquilino Amezua —quen foi o principal responsable da introdución en España de moitos dos principios técnicos da organería francesa—, é fillo dunha concepción estética que buscaba a plenitude orquestral e a expresividade dinámica requiridas polo ideal romántico, que acada o seu esplendor nos instrumentos do célebre organeiro Aristide Cavaillé-Coll. O órgano de Vigo fala, polo tanto, con acento francés, e esta edición do festival quere facelo soar no seu idioma natural.
O repertorio francés do século XIX non é só un compañeiro estético indisolublemente ligado ao noso órgano: é o espello no que o instrumento se recoñece plenamente. Francia foi, naquela centuria, o laboratorio onde o órgano ao servizo da liturxia se expandiu ao máximo das súas posibilidades artísticas. Xunto aos grandes monumentos sinfónicos de autores como Franck ou Widor, xorde tamén unha inmensa literatura de pezas breves —offertoires, élevations, communions, sorties, etc.— destinadas a acompañar os diferentes ritos da misa. Obras sinxelas e funcionais, mais cheas dunha fonda musicalidade, que revelan o valor artístico do órgano mesmo no seu uso máis cotián.
Neste sentido, as características construtivas, o equilibrio sonoro e a presenza de rexistros que evocan en maneira estilizada a paleta orquestral —fagot e óboe, trompeta, voz humana, viola da gamba…— son os elementos que revelan unha filiación directa coa organería do outro lado dos Pireneos. Ademais, a súa caixa expresiva (dispositivo que permite a gradación dinámica do segundo teclado) e o secreto de válvulas cónicas (mecanismo que controla o pase do vento aos tubos de forma selectiva) privilexian unha agóxica flexible e un fraseo musical que canta e dialoga en comuñón coas características acústicas do espazo arquitectónico.
Non é casual a atención dedicada nesta edición do festival á obra de César Franck, quen pode considerarse o auténtico patriarca da escola organística romántica francesa. Nos seus corais, compostos en 1890, o mestre sintetizou toda a tradición anterior e marcou o rumbo que seguirían Widor, Guilmant, Vierne ou Dupré: unha liña que combina o rigor da polifonía coa liberdade melódica e a intensidade expresiva propias do Romanticismo.
O programa de Diego Innocenzi evoca, desde o seu mesmo título, precisamente este contexto: o intérprete combina páxinas de Franck, Lefébure-Wély, Batiste e outros célebres autores, nas que se reflicte o espírito litúrxico e poético da Francia do Segundo Imperio, cando o órgano se converteu no instrumento por excelencia da devoción e da fantasía sonora.
Pola súa parte, Óscar Candendo establece unha ponte entre o universo francés e o alemán: xunto ao Coral n.º 1 de Franck e ás Pièces de fantaisie de Vierne, ofrece tamén a Sonata op. 65 n.º 3 do alemán Felix Mendelssohn, lembrando que o diálogo entre ambas tradicións ao longo do século foi esencial para a evolución do repertorio europeo e influíu notablemente a escola española moderna.
Olivier Latry, organista titular da Catedral de Notre-Dame de París, representa na súa presenza a continuidade viva desta escola. O seu programa reúne obras de Guilmant, Ropartz, Gigout, Vierne, Pierné, Widor e, novamente, do propio Franck, nun percorrido que amosa a evolución do estilo francés desde o lirismo romántico ata a plenitude sinfónica. A súa improvisación final será o testemuño de que esa tradición segue sendo, máis ca un legado, unha linguaxe en constante innovación.
Finalmente, Enrique Martín-Laguna pecha o festival unindo distintas latitudes: Bach e o compositor checo contemporáneo Petr Eben abren o programa cunha mirada europea ampla, mentres as pezas de Vierne e o Concerto para órgano, cordas e timbais, op. 36 de Francis Poulenc celebran o vínculo entre o órgano Alberdi e o seu substrato francés, mesturando a tradición devota do instrumento co espírito moderno do século XX.
Interpretar estas obras no noso órgano significa facelas soar no seu elemento natural. Cada rexistro recupera o sentido estético para o que foi creado: as lingüetas que proxectan o heroísmo, a voz celeste que murmura a tenrura, o tutti equilibrado que dá corpo á monumental arquitectura sonora. Dalgún xeito, o espazo acústico da Colexiata, coa súa reverberación ampla, converte o instrumento nun tradutor perfecto entre a tradición gala e a sensibilidade galega, facendo do órgano un lugar de encontro entre dúas maneiras de entender a arte e o sagrado.
Esta edición de 8pés non é só un tributo a un estilo, senón unha reivindicación do propio instrumento: o órgano de Alberdi, restaurado e redescuberto, amosa que tamén na súa aparente modestia latexa non só a grandeza da escola francesa, senón tamén a rica adquisición que dela se fixo no noso país. Nas mans dos intérpretes convidados, Vigo volverá escoitar o alento para o que foi creado o seu órgano: un son reencontrado, que une dúas nacións e dous séculos de historia nun mesmo sopro.
Daniel Sanmartín Nieto
musicólogo
+ PUBLICACIÓNS NA NOSA WEB:
3 Novembro 2025
8PÉS 2025: ENRIQUE MARTÍN-LAGUNA + OCV
3 Novembro 2025
8PÉS 2025: OLIVIER LATRY
3 Novembro 2025
8PÉS 2025: ÓSCAR CANDENDO
3 Novembro 2025
8PÉS 2025: DIEGO INNOCENZI
3 Novembro 2025
Colabora co teu donativo á continuidade do 8pés
3 Novembro 2025





