8PÉS 2025 · O FFESTIVAL DE ÓRGANO DE VIGO

En 2025 o 8pés chega á súa V edición, un festival organizado pola Orquesta Clásica de Vigo que naceu en 2021 co obxectivo contribuir á posta en valor do único órgano en funcionamento na actualidade na cidade de Vigo: O órgano Alberdi, de 1909. Un instrumento que, pese a su antigüidade e as súas oríxes, demostra en cada edición as súas altísimas posibilidades artísticas en torno á cal construir unha audiencia cada vez máis nutrida e esixente.

A cita co festival será os días 19, 20, 21 e 22 de novembro na Concatedral de Santa María de Vigo, coincidindo como cada ano coa celebración do día de Sta. Cecilia, patroa da música.

V Edición: Artistas

19.11 >> DIEGO INNOCENZI (Bos Aires-Xenebra)
20.11 >> ÓSCAR CANDENDO (Donostia)
21.11 >> OLIVIER LATRY (París)
22.11 >>  ENRIQUE MARTÍN-LAGUNA (Madrid)
+ ORQUESTA CLÁSICA DE VIGO

19/11 >> DIEGO INNOCENZI

Diego Innocenzi é organista titular do Victoria Hall e dos templos de Vandœuvres e de Saint-Gervais, en Xenebra. Ademais, imparte clases de órgano no Conservatorio de Música de Xenebra. Nado na Arxentina en 1971, Diego Innocenzi iniciou os seus estudos musicais en Bos Aires, onde obtivo o título de piano e foi organista titular do órgano Cavaillé-Coll da catedral de San Isidro, a súa cidade natal. Proseguiu a súa formación no Conservatorio de Música de Xenebra, na clase de Lionel Rogg, onde obtivo o Primeiro Premio de virtuosismo en 1999, e máis tarde en París, con Marie-Claire Alain. Posteriormente ingresou na clase de dirección coral de Michel Corboz no Conservatorio de Música de Xenebra, onde obtivo o Diploma de director de coro en 2003. Dende hai moitos anos, Diego Innocenzi investiga sobre a interpretación histórica da música sacra e do repertorio organístico dos séculos XIX e XX, o que o levou a ofrecer conferencias e clases maxistrais en Europa e nos Estados Unidos. Estas investigacións deron lugar a varios rexistros discográficos —na súa maioría de obras inéditas— para o selo Aeolus: a integral da obra para órgano e dos motetes de César Franck en dous volumes, en colaboración con Les Solistes de Lyon-Bernard Tétu; un dobre álbum con obras inéditas para órgano de Édouard Batiste; e música de cámara con órgano de Théodore Dubois. É actualmente o director artístico do Festival d’Orgue de Chamonix.

20/11 >> ÓSCAR CANDENDO

Profesor da especialidade de órgano na Escola Superior de Música de Catalunya (Barcelona) desde a súa fundación en 2001. Organista da S. I. do Bo Pastor, en San Sebastián. Doutor en Musicoloxía pola Universidade de Valladolid. Profesor superior nas especialidades de órgano, piano, cravo e música de cámara. Realizou estudos de órgano en Toulouse (Centre d’études supérieures de musique et de danse, cos profesores Michel Bouvard e Jan W. Jansen), en Barcelona (coa profesora Montserrat Torrent) e en Stuttgart (Hochschule für Musik und Darstellende Kunst, co profesor Bernhard Haas). Obtivo os primeiros premios no Concurso Permanente de Juventudes Musicales de España (1992) e no Curso Universitario Internacional «Música en Compostela» (1993). Recibiu o Premio de Investigación Musical Orfeón Donostiarra-Universidad del País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea (2021) por un traballo sobre o compositor alavés de música relixiosa Vicente Goicoechea Errasti (1854-1916). É coordinador de Anthologia Sacra, colección da obra do devandito Vicente Goicoechea publicada por Ficta edicions i produccions. Participou como intérprete en diversos festivais europeos.

21/11 >> OLIVIER LATRY

Recoñecido como o principal embaixador do seu instrumento, o organista francés Olivier Latry actuou nos escenarios máis prestixiosos do mundo, foi convidado das orquestras máis destacadas baixo a dirección de reputados mestres, gravou para os selos máis importantes e estrea habitualmente un número impresionante de obras. Nomeado organista titular de Notre-Dame de París aos 23 anos e Organista Emérito da Orchestre National de Montréal desde 2012, Olivier Latry é un músico completo, reflexivo e aventureiro, que explora todos os ámbitos posibles da música para órgano e posúe un talento excepcional para a improvisación. Como solista, colaborou con orquestras como a Filharmónica de Berlín, a Orquestra de Filadelfia, a Filharmónica de Los Ángeles, a Sinfónica de Boston, a Sinfónica de San Francisco, a Sinfónica NHK, a Orquestra Sinfónica Metropolitana de Toquio, a Orquestra de París, a Orquestra Sinfónica de Montréal, a Orquestra Nacional de Francia, a Orquestra Filharmónica de Radio France, a Sinfónica de Gotemburgo, a Staatsorchester Filharmónica de Hamburgo, a Filharmónica de Múnic, a Filharmónica de Dresde, a Philharmonia Orchestra, a Sinfónica de Viena, a Filharmónica de Róterdan, a Sinfónica de Sídney, a RSO Wien, a Filharmónica de Hong Kong e a Sinfónica de Toronto. Traballou con directores como Myung-Whun Chung, Andris Nelsons, Esa-Pekka Salonen, Osmo Vänskä, Rafael Payare, Stéphane Denève, Krzysztof Urbański, Fabien Gabel, Christoph Eschenbach, Santtu-Matias Rouvali, Alain Altinoglu, Kent Nagano, Edo de Waart e Jukka-Pekka Saraste.

22/11 >> ENRIQUE MARTÍN-LAGUNA + OCV

Organista titular da Catedral de Santa María Magdalena de Getafe e profesor de órgano do Conservatorio Profesional de Música Rafael Frühbeck de Burgos. Completou o Grao Profesional de piano con José Luis Agulló no Conservatorio Profesional de Música Manuel de Falla de Alcorcón. Obtivo o Título de Grao Superior de Órgano estudando con Roberto Fresco no Centro Superior de Ensino Musical Katarina Gurska e o Título de Grao Superior de Composición no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Completou a súa formación realizando un Máster de órgano no Conservatorio Real de Bruxelas con Benoît Mernier. Ampliou a súa formación en órgano, improvisación, clave e clavicordio con profesores como Montserrat Torrent, Andrés Cea, Aline Zylberajch, Sietze de Vries, Olivier Latry, Bernhard Haas, François Espinasse, Ton Koopman, Lorenzo Ghielmi, Pieter Van Dijk, etc. Gañador do primeiro premio ex aequo no III Concurso Nacional de Órgano “Francisco Salinas”. A súa actividade concertística levouno a ofrecer recitais en diversos lugares de España, Bélxica, Francia e Italia.

O 8pés quere continuar un ano máis

COLABORA CO TEU DONATIVO Á CONTINUIDADE DO 8PÉS

O 8pés é un festival único en Galicia que ten lugar nun espazo de culto e non cobramos entrada, feito que nos obriga a apelar á túa contribución para seguir medrando. Traballamos converternos nun referente peninsular con recursos limitados e sodes unha peza fundamental do festival.

Nas catro edicións precedentes, o festival presentou aos artistas máis importantes do panorama musical estatal, como son Arturo Barba (Palau de les Arts), Loreto Aramendi (Santa María do Coro, Donostia), Fernando Álvarez (Basílica de Covadonga, Asturias), Alize Mendizábal (Santa María do Coro, Donostia), Juan de la Rubia (Sagrada Familia, Barcelona), Daniel Oyarzábal (Auditorio Nacional, Madrid), Roberto Fresco (Catedral da Almudena, Madrid), Enrique Martín-Laguna (Catedral de Xetafe, Madrid), Carlos Fernández Bollo (Catedral de León), Montserrat Torrent (Premio Nacional de Música 2021), Miriam Cepeda (Begoña, Bilbao) e Alberto Pavoni (Conservatoiro de Santa Cecilia, Roma).

En 2024, o festival superou os 1.200 asistentes que compartiron o obxectivo de dar a coñecer o único órgano funcional da cidade de Vigo, manter un instrumento de máis de 100 anos en óptimas condicións e xerar unha audiencia crítica e estable. De feito tivemos que alugar cadeiras para dar resposta á vosa vontade nos concertos de maior demanda.

Neste 2025 o cartel non pode ser máis ambicioso e por iso queremos apelar novamente á túa responsabilidade e compromiso co festival. Queremos seguir ofrecéndote os mellores concertos na cidade de Vigo e xa pensamos na edición do 2026. Contamos contigo.

Grazas por contribuir a que o 8pés sexa posible.

Camões - Centro Cultural Português em Vigo ás 12:30h

22/11 >> Unha pronunciación galega no norte de Portugal

O sábado 22 de novembro, ás 12:30h, tes unha cita no Camões – Centro Cultural Português em Vigo para coñecer da man do Prof. José Rodrigues, director do Festival de órgano de Braga, a historia, características e presencia da desaparecida organería galega que podemos atopar hoxe na cidade Braga.

A proximidade entre o norte de Portugal e Galicia, especialmente coa rexión do Miño, xustificou ao longo dos séculos un intercambio cultural evidente na propia lingua, nas tradicións e na presenza de artistas que cruzaban a fronteira para, dun e doutro lado, deixar a súa pegada.

En contra da relación que no pasado parecía opoñer as Arquidióceses de Braga e Santiago, a actuación de artistas e artesáns galegos na rexión de Braga e a súa colaboración cos profesionais locais amosan que existía unha boa relación, e proba diso son as magníficas obras que chegaron ata nós.

O expoñente máximo desa colaboración é visible e audible na Catedral de Braga, onde os dous grandes órganos do galego frei Simón Fontanes seguen, case 300 anos despois, a deslumbrar quen atravesa o portal principal da sé máis antiga de Portugal. Ese proxecto grandioso marcará, ademais, nos anos seguintes, a presenza de varios organeiros, algúns dos cales establecerán o seu obradoiro na rexión. Con eles chegará unha tradición de construción de órganos e un sentido estético e musical que se unirá na concepción de diversos instrumentos e que deixará escola.

O ÓRGANO ALBERDI DE VIGO

COÑECE A HISTORIA DO ÓRGANO DA CONCATEDRAL (1909)

Un dos principais obxectivos do Festival 8pés é dar a coñecer e poñer en valor as peculiaridades do mundo do órgano, empregando, para iso, o instrumento da Concatedral de Santa María de Vigo construído por Lope Alberdi en 1909.

Nesta ligazón poderás consultar as características e especificacións técnicas do órgano Aberdi de Santa María de Vigo, nun percorrido polos elementos ocultos ao público no día a día.

Participa nas visitas

Durante o festival poderás participar, en compaña do musicólogo Daniel Sanmartín, nas visitas guiadas ao instrumento para coñecer en profundidade a súa historia e as súas características.