Probas de acceso 2023
A Orquesta Clásica de Vigo convoca para o sábado 26 de agosto probas de acceso para todos os instrumentos.
Esta xornada terá lugar na Escola de Municipal de Música de Vigo ás 17:00h e se requerirá a presentación dunha obra libre e dunha lectura a primeira vista.
Para a inscrición é preciso comunicar a asistencia a través do seguinte correo electrónico: xerencia@orquestaclasica.com
Teléfono de contacto: 604 09 39 19
Canto de emigración. Historia da música de Teódulo R. Páramos
A Clásica presenta a publicación 'Canto de emigración. Historia da música de Teódulo R. Páramos', unha investigación sobre a figura do compositor e os espazos de lecer en Vigo entre 1920 e 1950.
No acto participarán os autores do libro Manuel Martínez Torres, Pepe Coira, Alejo Amoedo e Marcos Amado “Santiso”
- Martes 7 de marzo, ás 19:30h, na Biblioteca da Emao de Vigo.
- Entrada libre
Agardámoste!
II Festival de órgano 8 Pés
Esta mañá presentamos a programación completa do festival "8 pés" coa presenza do director do festival, Manuel Martínez; Ana Laura Iglesias, deputada de Turismo e Xuventude da Deputación Pontevedra; e José Vidal, párroco da Concatedral de Santa María de Vigo.
“Para a Clásica é moi importante celebrar esta segunda edición dun festival tan insólito que busca achegar a complexidade e riqueza deste instrumento e o seu repertorio. Traemos a tres dos mellores organistas do Estado para levar o noso órgano aos seus límites artísticos”, destaca o director. “Quero agradecer á Clásica por alertar no seu día sobre a protección deste instrumento, único órgano da cidade e importante patrimonio artístico", sinalaba a deputada.
As entradas son gratuítas e xa están dispoñibles bit.ly/entradas-8pes-2022
Lembra que o espazo é limitado, polo que se finalmente non asistes, podes devolvela para que outra persoa a adquira.
Bono Cultura
Conseguiches o teu bono cultural? Se é así, isto interésache!
Terás un desconto do 50% nas compras que realices ata esgotar o seu crédito (50 euros) e o prazo remata o 31 de decembro.
A Clásica está adherida polo que podes empregalo para mercar o abono para a temporada "Escoitas" e o Concerto de Nadal (cando saian as entradas). O abono sáeche a 32,5 euros (17,5 euros se es menor de 30 anos) e poderás gozar de cinco entradas.
‼️Importante: se decides empregalo coa Clásica, debes chamar ou enviar un whatsapp ao noso teléfono 604 06 39 19 para validar o bono (pois hai que escanealo coa aplicación).
Lembra que no formulario tes máis info sobre o abono. bit.ly/formulario-abono-aclasica_22-23
Tempada 22/23. Escoitas
A Clásica pon o foco nas “Escoitas” na súa nova tempada.
Hoxe presentamos no Concello de Vigo a programación 2022-2023, que ofrecerá distintas sonoridades a través de 5 concertos de outubro a maio.
O obxectivo da orquestra coa nova tempada é ofrecer cinco escoitas coas que reivindicar o teatro como punto de encontro necesario para que o público descubra a diferenza de escoitar unha interpretación en directo. Propoñemos unha viaxe por diferentes sonoridades. Desde “Elgar”, un concerto do sinfonismo do cambio do XIX e XX, pasando polo Concerto de Nadal que busca elevar a música tradicional á categoría de vangarda, polo minimalismo de “Glass”, a esencia galeguista dos anos 30 coa evocación do filme “Canto de emigración” de Pepe Coira e, finalmente, pola paixón e patetismo do concerto para piano de Chaikovski.
As entradas para o primeiro concerto "Elgar" (22 de outubro) xa están á venda: bit.ly/entradas-elgar
Tamén o abono para acceder a todos os concertos. bit.ly/formulario-abono-aclasica_22-23
Canto de Emigración no Ourense Film Festival (OUFF)
O próximo martes 27 de setembro, o Ourense Film Festival acolle a reconstrución que Pepe Coira está facendo de "Canto de emigración" (1934), o desaparecido filme de Antonio Román. O director presenta un traballo de arqueoloxía no que se busca chegar á imaxe a través da música. Trátase dun proceso innovador no eido das reconstrucións cinematográficas, pois está formulado á inversa: colocar a música no papel protagonista.
A Clásica interpretará a música en directo nesta cita tan especial onde descubriremos a partitura orixinal da banda sonora do filme, composta por Teódulo R. Páramos e conservada pola súa neta, Ana Vaqueiro, profesora do Conservatorio de Vigo e violinista da orquestra. Para a realización deste traballo foi preciso un proceso de revisión e edición crítica da partitura orixinal da man de Manuel Martínez Álvarez-Nava.
Vémonos en Ourense!
Un Camiño ben temperado
“Un camiño ben temperado” levará a música antiga a cinco puntos da ruta xacobea portuguesa. O programa xuntará a artistas das dúas marxes do río Miño para poñer en valor o pasado musical común de Galicia e Portugal.
Toma nota das datas!
- 3 de setembro, ás 21h na Igrexa de Santiago (Redondela). “Luz e Norte: música para arpa no mundo hispano. Séculos XVI ao XVIII”, con Manuel Vilas
- 5 de setembro, ás 21h, na Colexiata de Santa María (#Baiona). “Música ibérica para a nobreza do século XVIII”, con Mario Braña (violín barroco) e Elsa Pidre (violonchelo barroco)
- 7 de setembro, ás 20h, na Igrexa de Santa Uxía de Mougás (Oia). “Triosonatas di chiesa e camera”, coa agrupación I Colori Dell'Armonia
- 9 de setembro, ás 20h, na Igrexa de Santa María (A Guarda). “Transmutaçoes ibéricas, recital de clavecín”, de João Janeiro
- 11 de setembro, ás 18:30h, na Catedral de Tui. “Requiem para o mosteiro de Santa Clara”, coa agrupación Metáfora das Flores baixo a dirección musical de Magna Ferreira.
Entrada de balde ata completar capacidade do espazo.
Folleto: bit.ly/folleto-uncaminobentemperado
Subvencionado cos fondos do programa “O teu Xacobeo” da Xunta de Galicia
Xacobeo Turismo de Galicia Cultura de Galicia Camino Xacobeo
Híbridas en Santa Clara
Por primeira vez desde que o convento é público, poderás escoitar o órgano de Santa Clara Pontevedra.
A orquestra, dirixida por Manuel Martínez Álvarez-Nava e co organista Daniel Sanmartín Nieto, ofrecerá un concerto (limitado ás posibilidades actuais do órgano) para dar a coñecer o instrumento entre o público e sensibilizar sobre a súa restauración.
- Mañá martes 17 de maio
- 20h00
- Entrada libre até completar a capacidade. Sen reserva previa.
É un pracer formar parte das "Híbridas de Santa Clara". Vémonos!🙂
III Congreso Internacional de Bandas de Música
Na Clásica estaremos no III Congreso Internacional de Bandas de Música, que se celebra desde hoxe e ata sábado en Vigo, organizado por Comisión bandas de música - SEdeM.
Manuel Martínez, director técnico da orquestra, xunto con Alejo Amoedo, David Rodríguez e Pablo Abreu falarán da publicación "Os timbais da Banda Municipal de Música de Vigo. Historia musical de Vigo a través dunha restauración".
Mañá venres, ás 9h, no CMUS PROFESIONAL DE VIGO.
Laboratorios de verán 2022
Presentamos os Laboratorios de Verán 2022! Terán lugar en Vigo no mes de xullo e están dirixidos a rapaces e rapazas de entre 10 e 16 anos.
Laboratorio de Son: busca xerar unha micro-residencia na que os participantes experimenten coa música e o son a través de instrumentos insólitos e das novas tecnoloxías.
- Do 4 ao 15 de xullo.
- 30 prazas
- Prezo: 160 euros.
Laboratorio de Orquestra: pretende fomentar a participación dos máis novos nun proceso de colaboración como é a práctica grupal.
- Do 18 ao 22 de xullo.
- Prazas: 6 ou 10 violíns primeiros, 6 ou 10 violíns segundos, 4 ou 6 violas, 6 ou 8 violonchelos e 3 ou 5 contrabaixos. Non obstante, poderanse realizar solicitudes de vento madeira, vento metal e percusión.
- Prezo: 80 euros.
Folleto: bit.ly/folleto-laboratoriosveran2022
Formulario de inscrición: bit.ly/fomulario-laboratoriosveran2022










