As pegadas do son

As pegadas do son: Ciclo de conferencias na biblioteca da EMAO

A Orquesta Clásica de Vigo ofrecerá no marco da tempada unha xornada de conferencias para percorrer a historia da música gravada e amplificada, unha abraiante carreira marcada polo enxeño, a investigación a creatividade no ámbito sonoro que conforman non só o papel da música na actualidade, senón tamén a concepción mesma de como entendemos hoxe a escoita da música. As pegadas do son é un complemento á tempada 2025-2026 que terá lugar na biblioteca da Escola de Artes e Oficios de Vigo.

 

19:00h MIGUEL FERNÁNDEZ, Mecánica da emoción: da vibración ao son

Miguel Fernández afondará na xénese da emoción e a cognición da música como acto reflexo a través dos parámetros acústicos e psicoloxía congnitiva. De como a vibración da madeira dun instrumento de corda permite xerar unha obra musical: o feito artístico que xera emoción nun/nha oínte

20:00h JULIO GÓMEZ, Palabras conxeladas: da literatura á música gravada

Julio Gómez remitirase aos traballos de investigación no rexistro sonoro en torno ao phonoautógrafo para chegar ás orixes da música gravada.


A noite dos mortos ao vivo

A proxección da película clásica A noite dos mortos viventes (1968) de George A. Romero chega agora cunha interpretación completamente nova e envolvente. Mentres a película se proxecta na pantalla, a Orquesta Clásica de Vigo executará en directo unha banda sonora especialmente seleccionada para a ocasión, substituíndo a música orixinal por arranxos que intensifican cada momento de tensión, medo e drama. Paralelamente, un equipo de actores e actrices de voz interpretará os diálogos en galego utilizando un guión creado especificamente para este espectáculo, ofrecendo así unha nova dimensión narrativa que respecta o espírito da obra orixinal pero cun enfoque fresco e culturalmente próximo ao público galego.

Esta proposta artística pretende crear unha experiencia cinematográfica inmersiva que vaia máis alá da simple proxección dunha película, convertendo cada función nun evento escénico irrepetible. A sincronización entre a música sinfónica, as voces en directo e as imaxes na pantalla require unha precisión técnica e artística extraordinaria, transformando o cinema nunha forma de arte multidisciplinar. O resultado é un espectáculo que honra o legado do cinema de terror clásico mentres ofrece ao público contemporáneo unha experiencia sensorial completa.

 

Adaptación e dramaturxia: Silvia Penas
Actuación: Silvia Penas, María Roja, Samuel Merino, Alex Sobrino
Percusión e ruído: Carlos Castro, David Rodríguez e Diego Orge
Adaptación musical: Daniel Sanmartín Nieto
Adaptación cinematográfica: Jesús Ruperto Andrés Tejada
Interpretación musical: Orquesta Clásica de Vigo
Dirección musical: Manuel Martínez Álvarez-Nava
Idea orixinal e dirección: Manuel Martínez Torres


Concerto Extraordinario de Nadal

Concerto Extraordinario de Nadal: Ravel 150
30 Decembro 2025. 20:30 - 21:30

Despedir o ano sempre é unha oportunidade para congregar artistas e audiencias para explorar novos e vellos repertorios conformando un verdadeiro punto de encontro. En 2025 celébrase o 150 aniversario de Maurice Ravel, un anovador fundamental da música no século XX. Nesta ocasión contaremos coa pianista Aida Saco Beiroa, unha artista galega de proxección internacional que viaxará a Vigo para interpretar un dos concertos máis fermosos do século XX: o Concerto para piano en sol maior, M.83, de M. Ravel, unha verdadeira xenialidade virtuosística que recollerá a modernidade cunha importante presenza estilístcia do jazz froito desa viaxe aos EUA.

Por outra banda, non podemos esquecer a importancia de Chaikovski no Nadal, interpretando unha obra fundamental no seu repertorio: a Suite do quebranoces, unha obra enmarcada nas celebracións do Nadal e coa que queremos despedir o ano neste contexto festivo.

Programa:

Concerto para piano en sol maior, M.83, de M. Ravel

Allegramente
Adagio assai
Presto
O quebranoces (suite), Op.71a, de P. I. Chaikovski

Solista: Aida Saco Beiroa
Dirixe: Manuel Martínez Álvarez-Nava

 

Aida Saco Beiroa, piano

Pianista galega formada en Barcelona, Rotterdam, París e Nova Iorque, onde se gradúa da Manhattan School of Music coas máximas cualificacións. Como concertista clásica, ten realizado numerosos concertos e foi convidada a participar en diversos festivais de España, Portugal, Italia, Polonia e Estados Unidos. Gañadora de importantes bolsas como a Bolsa de Excelencia da Fundación Ferrer-Salat, a Bolsa Fulbright do Ministerio de Cultura e Deporte ou a Bolsa da Fundación “la Caixa” 2024, tamén foi galardoada en numerosos concursos de piano, obtendo o 1.º Premio do IV Premi Ciutat de Mataró, 1.º Premio e Premio Especial no 1st European Piano Competition, 2.º Premio no 10.º Concorso Internazionale “Città di Massa” ou 3.º Premio no Concurso Internacional de Piano Ciudad de Sevilla, entre outros. Na actualidade reside en Nova York, onde compatibiliza a súa actividade docente con proxectos como concertista, que a levarán, entre outros, a actuar como solista coa Orquestra das Nacións Unidas esta tempada.


8PÉS 2025: ENRIQUE MARTÍN-LAGUNA + OCV

Sábado 22 de novembro ás 21:00h
ENRIQUE MARTÍN-LAGUNA
+ Orquesta Clásica de Vigo

Enrique Martín-Laguna

Organista titular da Catedral de Santa María Magdalena de Getafe e profesor de órgano do Conservatorio Profesional de Música Rafael Frühbeck de Burgos. Completou o Grao Profesional de piano con José Luis Agulló no Conservatorio Profesional de Música Manuel de Falla de Alcorcón. Obtivo o Título de Grao Superior de Órgano estudando con Roberto Fresco no Centro Superior de Ensino Musical Katarina Gurska e o Título de Grao Superior de Composición no Real Conservatorio Superior de Música de Madrid. Completou a súa formación realizando un Máster de órgano no Conservatorio Real de Bruxelas con Benoît Mernier. Ampliou a súa formación en órgano, improvisación, clave e clavicordio con profesores como Montserrat Torrent, Andrés Cea, Aline Zylberajch, Sietze de Vries, Olivier Latry, Bernhard Haas, François Espinasse, Ton Koopman, Lorenzo Ghielmi, Pieter Van Dijk, etc. Gañador do primeiro premio ex aequo no III Concurso Nacional de Órgano “Francisco Salinas”. A súa actividade concertística levouno a ofrecer recitais en diversos lugares de España, Bélxica, Francia e Italia.

PROGRAMA

Johann Sebastian Bach (1685-1750)
Fantasía e fuga en do menor, BWV 537

Petr Eben (1929-2007)
Moto Ostinato
da Musica Dominicalis

Percy William Whitlock (1903-1946)
Folk Tune

Tomás Garbizu (1901-1989)
Sequentia

Louis Vierne (1870-1937)
Sinfonía para órgano n.º 1 en re menor, op. 14
—Allegro vivace
—Finale

Francis Poulenc (1899-1963)
Concerto para órgano, cordas e timbais, op. 36

1.Andante
2.Allegro giocoso
3.Subito andante moderato
4.Tempo allegro. Molto agitato
5.Très calme: Lent
6.Tempo de l'allegro initial
7.Tempo d'introduction: Largo

Manuel Martínez Álvarez-Nava, Director titular e artístico
Nacido en Oviedo en 1957. Discípulo do mestre Alfonso Ordieres Rivero, estuda violín e viola no Conservatorio Superior de Asturias. Posteriormente amplía os seus estudos de viola con Enrique Santiago. Estuda dirección de orquestra co mestre Jacques Bodmer, discípulo do lendario mestre Hermann Scherchen. Foi profesor violista da Orquesta Sinfónica de Asturias "Angel-Muñiz Toca" entre 1977 e 1983. Fundador, Solista e Concertino da Orquesta Universitaria de Oviedo, da que tamén foi director adxunto. De 1983 a 2023 foi catedrático de violín no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Recentemente foi director convidado en cidades como L'Aquila, Viana do Castelo, Trento ou Hamburgo. É o director titular da Orquesta Clásica de Vigo desde a súa creación en 1984.

Orquestra Clásica de Vigo
A Orquestra Clásica de Vigo, decana de Galicia, é unha formación de música clásica que aposta pola innovación, os novos formatos e o traballo entre disciplinas, espazos e estilos. Nos 40 anos de historia da entidade, as obras interpretadas superan as 500, sendo isto un exemplo de aposta pola diversidade na música. Nos últimos anos realizou propostas de danza, cinema en directo, bandas sonoras, propostas actuais e obras consagradas. Polos seus atrís pasaron máis de 800 instrumentistas de toda Galicia, con máis de 160 solistas. A Orquestra Clásica de Vigo non entende de estilos ou etiquetas na súa programación, que se entende como unha oportunidade para explorar a riqueza do patrimonio musical e atraer a públicos distintos aos da música clásica tradicional.


8PÉS 2025: OLIVIER LATRY

Venres 21 de novembro ás 21:00h
OLIVIER LATRY

Olivier Latry
Recoñecido como o principal embaixador do seu instrumento, o organista francés Olivier Latry actuou nos escenarios máis prestixiosos do mundo, foi convidado das orquestras máis destacadas baixo a dirección de reputados mestres, gravou para os selos máis importantes e estrea habitualmente un número impresionante de obras. Nomeado organista titular de Notre-Dame de París aos 23 anos e Organista Emérito da Orchestre National de Montréal desde 2012, Olivier Latry é un músico completo, reflexivo e aventureiro, que explora todos os ámbitos posibles da música para órgano e posúe un talento excepcional para a improvisación.

Olivier Latry actúa regularmente en salas como a Filharmonía de Berlín, a Filharmonía de París, o Walt Disney Hall de Los Ángeles, o Davies Hall de San Francisco, o Concertgebouw de Ámsterdam, a Elbphilharmonie de Hamburgo, a Alte Oper de Frankfurt, o Konzerthaus de Dortmund, o Verizon Hall de Filadelfia, o Gewandhaus de Leipzig, o Musikverein e o Konzerthaus de Viena, a Tonhalle de Zúric, o MUPA de Budapest, o Royal Festival Hall e o Royal Albert Hall de Londres, o KKL de Lucerna, o Suntory Hall de Toquio, o Lotte Hall de Seúl, o Musiikkitalo de Helsinqui, o de Doelen de Róterdan e o Bridgewater Hall de Manchester.

Como solista, colaborou con orquestras como a Filharmónica de Berlín, a Orquestra de Filadelfia, a Filharmónica de Los Ángeles, a Sinfónica de Boston, a Sinfónica de San Francisco, a Sinfónica NHK, a Orquestra Sinfónica Metropolitana de Toquio, a Orquestra de París, a Orquestra Sinfónica de Montréal, a Orquestra Nacional de Francia, a Orquestra Filharmónica de Radio France, a Sinfónica de Gotemburgo, a Staatsorchester Filharmónica de Hamburgo, a Filharmónica de Múnic, a Filharmónica de Dresde, a Philharmonia Orchestra, a Sinfónica de Viena, a Filharmónica de Róterdan, a Sinfónica de Sídney, a RSO Wien, a Filharmónica de Hong Kong e a Sinfónica de Toronto. Traballou con directores como Myung-Whun Chung, Andris Nelsons, Esa-Pekka Salonen, Osmo Vänskä, Rafael Payare, Stéphane Denève, Krzysztof Urbański, Fabien Gabel, Christoph Eschenbach, Santtu-Matias Rouvali, Alain Altinoglu, Kent Nagano, Edo de Waart e Jukka-Pekka Saraste.

Alexandre Guilmant (1837-1911)
Final da Sonata para órgano n.º 1 op. 42 en re menor

Guy Ropartz (1864-1955)
Prélude funèbre

Eugène Gigout (1844-1925)
Scherzo das Dez pezas para órgano

Louis Vierne (1870-1937)
Adagio da Sinfonía para órgano n.º 3 en fa díese menor, op. 28
Gabriel Pierné (1863-1937)
Tres pezas para órgano, op. 29
—Prélude
—Cantilène
—Scherzando

Charles-Marie Widor (1844-1937
Andante sostenuto da Symphonie gothique, op. 70

César Franck (1822-1890)
Coral n.º 3 en la menor

Olivier Latry (1962)
Improvisación


8PÉS 2025: ÓSCAR CANDENDO

Xoves 20 de novembro ás 21:00h
Oscar Candendo

Óscar Candendo Zabala
Profesor da especialidade de órgano na Escola Superior de Música de Catalunya (Barcelona) desde a súa fundación en 2001. Organista da S. I. do Bo Pastor, en San Sebastián. Doutor en Musicoloxía pola Universidade de Valladolid. Profesor superior nas especialidades de órgano, piano, cravo e música de cámara. Realizou estudos de órgano en Toulouse (Centre d'études supérieures de musique et de danse, cos profesores Michel Bouvard e Jan W. Jansen), en Barcelona (coa profesora Montserrat Torrent) e en Stuttgart (Hochschule für Musik und Darstellende Kunst, co profesor Bernhard Haas). Obtivo os primeiros premios no Concurso Permanente de Juventudes Musicales de España (1992) e no Curso Universitario Internacional «Música en Compostela» (1993).

Recibiu o Premio de Investigación Musical Orfeón Donostiarra-Universidad del País Vasco/Euskal Herriko Unibertsitatea (2021) por un traballo sobre o compositor alavés de música relixiosa Vicente Goicoechea Errasti (1854-1916). É coordinador de Anthologia Sacra, colección da obra do devandito Vicente Goicoechea publicada por Ficta edicions i produccions. Participou como intérprete en diversos festivais europeos.

PROGRAMA

Felix Mendelssohn (1809-1847)
Sonata, op. 65 n.º 3
—Con moto maestoso
—Andante tranquillo

César Franck (1822-1890)
Coral n.º 1 en mi maior

Alberto Garaizábal (1875-1947)
Meditación

Louis Vierne (1870-1937)
Pièces de fantaisie
—Prélude, op. 51 n.º 1
—Impromptu, op. 54 n.º 2
—Clair de lune, op. 53 n.º 5
—Carillon de Westminster, op. 54 n.º 6


8PÉS 2025: DIEGO INNOCENZI

Mércores 19 de novembro ás 21:00h
DIEGO INNOCENZI

Diego Innocenzi é organista titular do Victoria Hall e dos templos de Vandœuvres e de Saint-Gervais, en Xenebra. Ademais, imparte clases de órgano no Conservatorio de Música de Xenebra. Nado na Arxentina en 1971, Diego Innocenzi iniciou os seus estudos musicais en Bos Aires, onde obtivo o título de piano e foi organista titular do órgano Cavaillé-Coll da catedral de San Isidro, a súa cidade natal.
Proseguiu a súa formación no Conservatorio de Música de Xenebra, na clase de Lionel Rogg, onde obtivo o Primeiro Premio de virtuosismo en 1999, e máis tarde en París, con Marie-Claire Alain. Posteriormente ingresou na clase de dirección coral de Michel Corboz no Conservatorio de Música de Xenebra, onde obtivo o Diploma de director de coro en 2003.
Dende hai moitos anos, Diego Innocenzi investiga sobre a interpretación histórica da música sacra e do repertorio organístico dos séculos XIX e XX, o que o levou a ofrecer conferencias e clases maxistrais en Europa e nos Estados Unidos. Estas investigacións deron lugar a varios rexistros discográficos —na súa maioría de obras inéditas— para o selo Aeolus: a integral da obra para órgano e dos motetes de César Franck en dous volumes, en colaboración con Les Solistes de Lyon-Bernard Tétu; un dobre álbum con obras inéditas para órgano de Édouard Batiste; e música de cámara con órgano de Théodore Dubois.
Co obxectivo de renovar a forma dos concertos de órgano e música sacra, organizou o Festival d’automne en Vandœuvres (2002–2010), dedicado á música de cámara con órgano; ciclos de oficios corais e cantatas; maratóns de órgano durante as Festas da Música de Xenebra; un Festival de Salmos no marco de Calvin-09; e espectáculos que combinan danza contemporánea, videoproxección e órgano. Diego Innocenzi actuou por todo o mundo —en Europa, nos Estados Unidos, en América Latina e en Rusia— e é actualmente o director artístico do Festival d’Orgue de Chamonix.

Programa:

L’organiste moderne
Músicos parisinos do século XIX

Ambroise Thomas (1811-1896)
Marche solennelle d’Hamlet (1888)
Transcrición para órgano de Édouard Batiste

Édouard Batiste (1820-1876)
Communion, op. 29
Offertoire, op. 28
Communion, op. 28

Camille Saint-Saëns (1835-1921)
Improvisation, op. 150 n.º 7

Renaud de Vilbac (1829-1884)
Adoration des bergers: pastorales

César Franck (1822-1890)
Offertoire en mi bemol maior
Andantino en la bemol maior

Louis James Alfred Lefébure-Wély (1817-1869)
Marche en dó maior
Élévation ou Communion

Édouard Batiste (1820-1876)
Grand Offertoire
Composto sobre un tema da Sonata para violín e piano, op. 47 de Ludwig van Beethoven

 

En coprodución con:
INAEM


8pés 2025: O son reencontrado

O son reencontrado

Na súa quinta edición, o festival 8pés propón un regreso ás orixes: o reencontro do órgano da Concatedral de Santa María coa voz para a que foi concibido. Despois de catro anos de exploración polos máis diversos estilos e escolas, esta edición volve ao punto onde todo comezou: a lingua sonora do Romanticismo francés. O instrumento construído por Lope Alberdi en 1909, herdeiro directo da tradición de Aquilino Amezua —quen foi o principal responsable da introdución en España de moitos dos principios técnicos da organería francesa—, é fillo dunha concepción estética que buscaba a plenitude orquestral e a expresividade dinámica requiridas polo ideal romántico, que acada o seu esplendor nos instrumentos do célebre organeiro Aristide Cavaillé-Coll. O órgano de Vigo fala, polo tanto, con acento francés, e esta edición do festival quere facelo soar no seu idioma natural.
O repertorio francés do século XIX non é só un compañeiro estético indisolublemente ligado ao noso órgano: é o espello no que o instrumento se recoñece plenamente. Francia foi, naquela centuria, o laboratorio onde o órgano ao servizo da liturxia se expandiu ao máximo das súas posibilidades artísticas. Xunto aos grandes monumentos sinfónicos de autores como Franck ou Widor, xorde tamén unha inmensa literatura de pezas breves —offertoires, élevations, communions, sorties, etc.— destinadas a acompañar os diferentes ritos da misa. Obras sinxelas e funcionais, mais cheas dunha fonda musicalidade, que revelan o valor artístico do órgano mesmo no seu uso máis cotián.
Neste sentido, as características construtivas, o equilibrio sonoro e a presenza de rexistros que evocan en maneira estilizada a paleta orquestral —fagot e óboe, trompeta, voz humana, viola da gamba...— son os elementos que revelan unha filiación directa coa organería do outro lado dos Pireneos. Ademais, a súa caixa expresiva (dispositivo que permite a gradación dinámica do segundo teclado) e o secreto de válvulas cónicas (mecanismo que controla o pase do vento aos tubos de forma selectiva) privilexian unha agóxica flexible e un fraseo musical que canta e dialoga en comuñón coas características acústicas do espazo arquitectónico.
Non é casual a atención dedicada nesta edición do festival á obra de César Franck, quen pode considerarse o auténtico patriarca da escola organística romántica francesa. Nos seus corais, compostos en 1890, o mestre sintetizou toda a tradición anterior e marcou o rumbo que seguirían Widor, Guilmant, Vierne ou Dupré: unha liña que combina o rigor da polifonía coa liberdade melódica e a intensidade expresiva propias do Romanticismo.
O programa de Diego Innocenzi evoca, desde o seu mesmo título, precisamente este contexto: o intérprete combina páxinas de Franck, Lefébure-Wély, Batiste e outros célebres autores, nas que se reflicte o espírito litúrxico e poético da Francia do Segundo Imperio, cando o órgano se converteu no instrumento por excelencia da devoción e da fantasía sonora.
Pola súa parte, Óscar Candendo establece unha ponte entre o universo francés e o alemán: xunto ao Coral n.º 1 de Franck e ás Pièces de fantaisie de Vierne, ofrece tamén a Sonata op. 65 n.º 3 do alemán Felix Mendelssohn, lembrando que o diálogo entre ambas tradicións ao longo do século foi esencial para a evolución do repertorio europeo e influíu notablemente a escola española moderna.
Olivier Latry, organista titular da Catedral de Notre-Dame de París, representa na súa presenza a continuidade viva desta escola. O seu programa reúne obras de Guilmant, Ropartz, Gigout, Vierne, Pierné, Widor e, novamente, do propio Franck, nun percorrido que amosa a evolución do estilo francés desde o lirismo romántico ata a plenitude sinfónica. A súa improvisación final será o testemuño de que esa tradición segue sendo, máis ca un legado, unha linguaxe en constante innovación.
Finalmente, Enrique Martín-Laguna pecha o festival unindo distintas latitudes: Bach e o compositor checo contemporáneo Petr Eben abren o programa cunha mirada europea ampla, mentres as pezas de Vierne e o Concerto para órgano, cordas e timbais, op. 36 de Francis Poulenc celebran o vínculo entre o órgano Alberdi e o seu substrato francés, mesturando a tradición devota do instrumento co espírito moderno do século XX.
Interpretar estas obras no noso órgano significa facelas soar no seu elemento natural. Cada rexistro recupera o sentido estético para o que foi creado: as lingüetas que proxectan o heroísmo, a voz celeste que murmura a tenrura, o tutti equilibrado que dá corpo á monumental arquitectura sonora. Dalgún xeito, o espazo acústico da Colexiata, coa súa reverberación ampla, converte o instrumento nun tradutor perfecto entre a tradición gala e a sensibilidade galega, facendo do órgano un lugar de encontro entre dúas maneiras de entender a arte e o sagrado.
Esta edición de 8pés non é só un tributo a un estilo, senón unha reivindicación do propio instrumento: o órgano de Alberdi, restaurado e redescuberto, amosa que tamén na súa aparente modestia latexa non só a grandeza da escola francesa, senón tamén a rica adquisición que dela se fixo no noso país. Nas mans dos intérpretes convidados, Vigo volverá escoitar o alento para o que foi creado o seu órgano: un son reencontrado, que une dúas nacións e dous séculos de historia nun mesmo sopro.

Daniel Sanmartín Nieto
musicólogo

 


Colabora co teu donativo á continuidade do 8pés

Colabora co teu donativo á continuidade do 8pés

O 8pés é un festival único en Galicia que ten lugar nun espazo de culto e non cobramos entrada, feito que nos obriga a apelar á túa contribución para seguir medrando. Traballamos converternos nun referente peninsular con recursos limitados e sodes unha peza fundamental do festival.

Nas catro edicións precedentes, o festival presentou aos artistas máis importantes do panorama musical estatal, como son Arturo Barba (Palau de les Arts), Loreto Aramendi (Santa María do Coro, Donostia), Fernando Álvarez (Basílica de Covadonga, Asturias), Alize Mendizábal (Santa María do Coro, Donostia), Juan de la Rubia (Sagrada Familia, Barcelona), Daniel Oyarzábal (Auditorio Nacional, Madrid), Roberto Fresco (Catedral da Almudena, Madrid), Enrique Martín-Laguna (Catedral de Xetafe, Madrid), Carlos Fernández Bollo (Catedral de León), Montserrat Torrent (Premio Nacional de Música 2021), Miriam Cepeda (Begoña, Bilbao) e Alberto Pavoni (Conservatoiro de Santa Cecilia, Roma).

En 2024, o festival superou os 1.200 asistentes que compartiron o obxectivo de dar a coñecer o único órgano funcional da cidade de Vigo, manter un instrumento de máis de 100 anos en óptimas condicións e xerar unha audiencia crítica e estable. De feito tivemos que alugar cadeiras para dar resposta á vosa vontade nos concertos de maior demanda.

Neste 2025 o cartel non pode ser máis ambicioso e por iso queremos apelar novamente á túa responsabilidade e compromiso co festival. Queremos seguir ofrecéndote os mellores concertos na cidade de Vigo e xa pensamos na edición do 2026. Contamos contigo.

Grazas por contribuir a que o 8pés sexa posible.