Presentamos a Carlos J. Fernández Bollo

Carlos J. Fernández Bollo · 23 de novembro ás 21:00h 

RESERVA DE ENTRADAS

Nacido en Mugardos, estudou o Grao Profesional de Piano no Conservatorio Xan Viaño de Ferrol, graduándose en 2018 con Matrícula de Honra en Piano e en Improvisación. Desde o mesmo ano, estuda no Prins Claus Conservatorium de Groningen (Países Baixos), onde se graduó en xuño de 2022 en Órgano (baixo a tutela de Erwin Wiersinga, Sietze de Vries e, previamente, Theo Jellema) e Piano (con Nata Tsvereli), finalizando os seus estudos de licenciatura en ambos os instrumentos summa cum laude. Foi premiado recentemente no V Concurso Nacional de Órgano Francisco Salinas de Burgos (Outubro 2023) co Primeiro Premio e co Premio “Montserrat Torrent” á mellor interpretación de Antonio de Cabezón. Desde setembro de 2022 ata a actualidade, cursa o máster de órgano no conservatorio de Groningen, especializándose en improvisación con Sietze de Vries e en repertorio con Erwin Wiersinga.

PROGRAMA

 

Johann Sebastian Bach (1685-1750)

Fantasía en do menor, BWV 562

César Franck (1822-1890)

Prélude, Fugue et Variation, op. 18

Marcel Dupré (1886-1971)

Cortège et Litanie, op. 19

Johannes Brahms (1833-1897)

Herzlich tut mich erfreuen, op. 122 no. 4

Maurice Duruflé (1902-1986)

Prélude et fugue sur le nom d’Alain, op. 7

Louis Vierne (1870-1937)

Adagio da Terceira Sinfonía para órgano, op. 28

Finale da Sexta Sinfonía para órgano, op. 59

 

RESERVA DE ENTRADAS

Onde: Concatedral de Vigo

Cando 23 de novembro de 2023 ás 21:00h

Festival 8pés


III FESTIVAL DE ÓRGANO 8PÉS

CHEGA A TERCEIRA EDICIÓN

Este ano o festival chega á súa terceira edición e para celebralo faremos soar o órgano cos mellores organistas de España. Un festival que naceu para poñer en valor o órgano Alberdi de Vigo (1909), o único en funcionamento na nosa cidade e que foi restaurado no ano 2016. Un instrumento único qué é preciso poñer en valor entre todos nós e facelo soar para que non volte a ser esquecido.

Con este obxectivo, o 8pés Nestes dous anos contamos con organistas como Loreto Aramendi, Daniel Oyarzbal, Alize Mendizábal, Arturo Barba, Juan de la Rubia e Fernando Álvarez, ofrecimos un espazo na programación ao alumnado do CMUS de Ourense e realizamos dous concertos coa orquestra encaixando os instrumentistas entre o órgano. Neste pouco tempo fomos quen de construir un festival polo que pasaron os artistas máis destacados do panorama estatal e ao que asistiron máis de 1000 persoas en cada edición. 

O órgano é un instrumento fascinante que presenta unhas posibilidades case ilimitadas. Unha desas rarezas xeniais que constitúen por si solas unha verdadeira chamada á imaxinación que non precisa de engadidos. Para este fin emprega como ferramenta un instrumento centenario que ata que empezou este festival moitos non sabían da súa existencia. Por este motivo quixemos seguir con este festival, porque pese a que os comezos non son doados, amamos o que facemos. 

E aquí estamos, na terceira edición con Carlos J. Fernández Bollo, Roberto Fresco e Enrique Marín-Laguna. Por se non fora pouco chegar á terceira edición, un ano máis conseguimos traer aos mellores á nosa cidade. 

O xoves 23 contaremos con Carlos J. Fernández Bollo, natural de Mugardos e premio nacional de órgano Francisco Salinas 2023. Un gran talento que está a saír da nosa terra que realiza na actualidade os seus estudos de mestrado en Holanda. 

O venres 24 teremos a honra de escoitar a Roberto Fresco, organista da Catedral de Santa María a Real da Almudena de Madrid, un artista e mestre fundamental para entender a atualidade do órgano en España. Un auténtico mestre de mestres á par que gran artista, todo un luxo contar con alguén da súa talla facendo sar o noso órgano.

O peche do festival chegará o sábado 25 con Enrique Marín-Laguna, organista titular da Catedral de Santa Magdalena de Xetafe e que realiza na actualidade unha importante actividade concertística en Europa.

Nestes tres anos, no 8pés celebramos que en Vigo temos un órgano convidando aos mellores artistas coa intención de ilusionar e sorprender coa modernidade deste instrumento centenario. Entendemos a importancia de manter o patrimonio vivo e entender o seu valor, apostando pola utilidade no presente e aproveitando as leccións que nos pode aportar, pois ao empregalo evitamos que desapareza: é a única vía.

Benvidos e benvidas á terceira edición do 8pés.


O 8pés chega á súa terceira edición

Tres épocas, tres escolas, tres xeracións

O festival de órgano de Vigo 8pés chega ao seu terceiro ano os días 23, 24 e 25 de novembro na Concatedral de Vigo. Nesta edición contará cos organistas Carlos J. Fernández Bolo, Roberto Fresco e Enrique Martín-Laguna, que ofrecerán un concerto en Vigo por primeira vez.

Na súa terceira edición, o festival 8pés propón as diferentes visións do gran repertorio para órgano só ofrecidas por unha terna de músicos que deben considerarse representantes de tres diversas xeracións do panorama organístico español actual: o consolidado mestre Roberto Fresco, o xoven e versátil músico Enrique Martín-Laguna e o expoñente dunha nova xeración de organistas Carlos J. Fernández Bollo.

A través desta triple proposta, o órgano Lope Alberdi de 1909 demostra unha vez máis a súa flexibilidade no afrontar repertorio pertencente ás escolas nacionais francesa e alemá, así como, como novidade destacable desta edición, tamén a obra de reputados autores españois. O contraste entre os compositores contemporáneos e aqueles pertencentes á tradición romántica —así como a presenza do atemporal Johann Sebastian Bach— asegura a exploración completa das posibilidades expresivas do instrumento, que quedarán así mesmo reveladas na convivencia de xéneros de orixe barroca, como o preludio coral ou a fuga —que atopan na música organística unha continuidade ata os nosos días— co xénero da sinfonía, que só o órgano pode afrontar como instrumento solista, nunha demostración de recursos tímbricos e dinámicos igualados tan só pola orquestra.

Tres épocas, tres escolas, tres xeracións; para a terceira edición de 8pés.

Reserva as entradas en Enterticket


Comeza a tempada de concertos en Vigo

VENTOS DO CLASICISMO: HAYDN, BEETHOVEN, SCHUBERT E STRAUSS

O xoves 28 de setembro non te podes perder a primeira cita coa clásica. Será no Auditorio Municipal do Concello de Vigo e estades convidados a compartir un concerto especial para música de ventos que nos levará do clasicismo ao romanticismo, nun percorrido para entender a evolución e importancia desta sección da orquestra.

Entradas a 10€ en Ataquilla

Esta tempada quere poñer o foco no clasicismo cunha ollada amplia para construír presente. Unha volta e as súas ideas esenciais, reflexionando sobre as distintas correntes e autores con obras que exceden os seus límites e chegan aos nosos días. A importancia do vento na orquestra é indiscutible, e neste concerto queremos traballar o seu papel desta sección partindo dos modelos vixentes no clasicismo para chegar con eles ao romanticismo, seguindo as canles que conforman as influencias entre artistas. O programa enténdese como unha mirada curiosa para coñecer as orixes e traballar a forma. Pos este motivo partirá da impor- tancia da obra de Haydn, con arranxos propios, para chegar ao Beethoven que sentará as bases para música de vento que coñecemos hoxe. A través da súa ollada chegaremos á escoita dos románticos Schubert e Strauss, con obras cuxas reminis- cencias chegan ao noso mundo. Este concerto busca mostrar a diversidade e riqueza sonora da sección de vento da Orquesta Clásica de Vigo, cun progra- ma centrado nos séculos XVIII e XIX que racha co concepto barroco da orquestra, completa o octeto e abre o camiño ás orquestras de gran formato que coñecemos. Escoitemos as súas orixes.

PROGRAMA

— Rondino en mi bemol maior, WoO. 25, de L. V. Beethoven

— Serenade en mi bemol maior, op. 7, de R. Strauss

— Sinfonía n.o 91 en mi bemol maior, de F. J. Haydn I. Largo – Allegro assai
II. Andante
III. Menuet – Trio

IV. Finale: Vivace
— Tres minuetos para ventos D. 2d, de F. P. Schubert

 

SECCIÓN DE VENTO DA ORQUESTA CLÁSICA DE VIGO

DIRIXE: MANUEL MARTÍNEZ ÁLVAREZ-NAVA


Tempada 2023.2

DESCARGA AQUÍ O FOLLETO COA PROGRAMACIÓN

Estamos encantados de presentar unha nova tempada da Orquesta Clásica de Vigo, a vosa orquestra con 39 anos historia, que mantén o dinamismo e esencias intactas nese apaixonante afán conxunto por descubrir novas músicas en directo. Un proxecto que se nutre de artistas da nosa terra cun motivo capital: defender a importancia de ter un son propio para deixar pegada con el na nosa cidade.

Por este motivo, a programación desta tempada empeza cunha referencia a ese son propio e recoñecible, aspectos que se traballan durante todo o ano, pois queremos falar da importancia do acento.

Os acentos, ese conxunto de peculiaridades na fala, son o testemuño vivo do vínculo e transmisión das xentes nun territorio. Un proceso que tamén se atopa na música, e que traballamos en cada ensaio. Existen na música formas moi distintas de falar: unha gran diversidasidade formal de estilos, escolas e correntes que nos permite abordar un repertorio inmenso e descubrir o que nos quere dicir ela: a música.

A orquestra ten voz, unha propia, e facemos equipo ensaio a ensaio para poder defender o noso acento, ese exemplo de esencia e legado que sobrevive ás modas. Neste traballo, a programación é un medio para chegar a ese son e traballar a dicción e a fala. Só así, abordando a diversidade desde a óptica propia, podemos comprender e gozar da riqueza e variedade oculta tras unha partitura.

Na tempada 2023.2 ofreceremos tres concertos nos que contaremos con dous grandes pianistas como son Severino Ortíz, interpretando o Concerto para piano en re menor n. 20 de W. A. Mozart e Abe Rábade, quen pechará esta media tempada coa inconfundible Rhapsody in blue, de G. Gershwin. Ademais interpretaremos obras de artistas conectados entre si para tecer un universo formal con obras de L. v. Beethoven, F. J. Haydn, F. P. Schubert, S. Coleridge-Taylor, R. Strauss ou C. W. Gluck, artistas alucinantes todos eles que contribúen a consolidar a forma orquestral.

Unha programación diversa que reflexiona sobre a esencia da orquestra, conducíndonos constantemente ao clasicismo e xirando arredor deste estilo e as súas ramificacións - sección de vento, orquestra clásica e orquestra sinfónica - para explorar os distintos formatos de orquestra nunha proposta de repertorio coas pezas diliberadamente relacionadas entre si.

Coma sempre, cada tempada é unha aventura; unha oportunidade para descubir novas músicas e ilusionarse grazas ao encontro en directo coas grandes pezas que xa coñecemos.

Grazas por acompañarnos un ano máis nesta viaxe.

DESCARGA AQUÍ O FOLLETO COA PROGRAMACIÓN


SON PROPIO: Presentación da tempada 2023.2

Esta mañá a Orquesta Clásica de Vigo presentou o programa de Son Propio, título da nova temporada coa que finalizará este 2023 e que conta co apoio do Concello de Vigo. Na presentación participaron o alcalde de Vigo, Abel Caballero; Gorka Gómez, concelleiro de Cultura; o director artístico da orquestra, Manuel Martínez Álvarez-Nava; e o director técnico e responsable de programación, Manuel Martínez Torres, quen explicou que “esta temporada quere poñer en valor a voz propia da orquestra, un son propio que facemos ensaio a ensaio. Queremos defender o noso acento, ese exemplo de esencia e legado na música
que nos diferencia”.
A Clásica, con este ‘son propio’, defende a importancia de deixar pegada na cidade ao tempo que fai referencia á súa aposta por músicos e músicas da terra, tanto os da formación habitual da
orquestra como os convidados para esta media tempada, na que contará cos pianistas galegos Severino Ortiz e Abe Rábade. En canto á liña da programación, a Clásica pretende reflexionar sobre a súa esencia, que a conduce constantemente ao clasicismo. A tempada reabrirase o vindeiro 28 de setembro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vigo co concerto “Ventos do Clasicismo”, no que se
mostrará a diversidade e riqueza sonora da sección de vento da Clásica. O programa partirá da obra de Haydn, con arranxos propios, para chegar ao Beethoven que sentará as bases para a
música de vento que coñecemos hoxe. A través da súa ollada, chegarase á escoita dos románticos Schubert e Strauss.

A orquestra continuará poñendo o foco no clasicismo no concerto do 28 de outubro: “O fío do clasicismo” versará sobre un dos binomios máis importantes da historia da música,
formado por Mozart e Beethoven, introducindo a peza Concerto para piano e orquestra n. 20 en re menor de W. A. Mozart, que será interpretada por Severino Ortíz. A Clásica pechará o ano co
tradicional Concerto de Nadal o 28 de decembro, acompañada do recoñecido pianista galego Abe Rábade,interpretando unha obra a cabalo entre o jazz e a música sinfónica.
Para esta citas da temporada, a Clásica conta coa colaboración do Concello de Vigo, a Universidade de Vigo, Radio Galega, Welgood, Musical Vigo e Musical Pontevedra.

Venda de entradas
Co fin de promover a asistencia de todos os públicos, a Clásica volve reducir os prezos. As entradas para o primeiro concerto (“Ventos do Clasicismo”, 28 de setembro) xa están á venda en Ataquilla.com a 10 euros e a 5 euros para menores de 16 anos. Ademais, as entradas na billeteira xusto antes do evento custarán 5 euros para menores de 30 anos.

Abono
A Clásica presenta de novo a opción do abono para os tres concertos deste final de temporada, co que o público terá dereito a acceder aos concertos sen esperas cunha única entrada (sen necesidade de trocar) e reservar a mesma butaca para todos os eventos. Os prezos varían desde os 21 euros ata os 39 euros en función da localidade.

Programación:
VENTOS DO CLASICISMO
28/09/23 | 20:0h | Auditorio Municipal de Vigo
O FÍO DO CLASICISMO
28/10/23 | 20:30h | Teatro Afundación de Vigo
CONCERTO EXTRAORDINARIO DE NADAL
28/12/23 | 20:30h | Teatro Afundación de Vigo


Un camiño ben temperado 2023

Tras unha primeira edición que percorreu o camiño portugués da costa en sentido inverso para celebrar o ano xacobeo, neste 2023 retirámonos ao Real Mosteiro de Oia para retomar a programación de músicas fascinantes enmarcadas baixo o paraugas da interpretación historicamente informada.

Nesta edición, a danza será o fío conductor destas catro xornadas de festival. Grazas a ela exploraremos o patrimonio e levaremos a música aos distintos espazos que conforman o mosteiro; Integrando música e danza de xeito natural coa vontade de celebrar a importancia da danza para a configuración e comprensión deste estilo.

Máis info


DÍA EUROPEO DA MÚSICA 2023

non te perdas o día europeo da música 2023 na Colexiata de Vigo.

Entradas de balde previa reserva en Ataquilla


Oferta de emprego

A Orquesta Clásica de Vigo OFRECE unha praza de emprego para cubrir de forma inmediata. O prazo de recepción de candidaturas estará aberto ata o 9 de marzo de 2023 a través do correo comunicacion@orquestaclasica.com

oferta-1.2023-emprego

Esta actividade realízase en colaboración co Concello de Vigo mediante as axuda para o fomento do emprego de

entidades sen ánimo de lucro para o ano 2023.

Vigo, 2 de marzo de 2023