O próximo martes 27 de setembro, o Ourense Film Festival acolle a reconstrución que Pepe Coira está facendo de “Canto de emigración” (1934), o desaparecido filme de Antonio Román. O director presenta un traballo de arqueoloxía no que se busca chegar á imaxe a través da música. Trátase dun proceso innovador no eido das reconstrucións cinematográficas, pois está formulado á inversa: colocar a música no papel protagonista.

A Clásica interpretará a música en directo nesta cita tan especial onde descubriremos a partitura orixinal da banda sonora do filme, composta por Teódulo R. Páramos e conservada pola súa neta, Ana Vaqueiro, profesora do Conservatorio de Vigo e violinista da orquestra. Para a realización deste traballo foi preciso un proceso de revisión e edición crítica da partitura orixinal da man de Manuel Martínez Álvarez-Nava.

Vémonos en Ourense!