
Debuxando o mañá: o órgano da Belle Époque á era espacial
Marco Enrico Bossi (1861-1925)
Scherzo en sol menor, op. 49 n.º 2 (ca. 1903)
Claude Debussy (1862-1918)
Petite suite (1889)
transcrición para órgano de Léon Roques e Daniel Sanmartín
– I. En bateau
– III. Menuet
– IV. Ballet
Claire Delbos (1906-1959)
Dúas pezas para órgano (1935)
– I. L’homme né de la femme vit peu de jours… (Job 14:1)
– II. La Vierge berce l’Enfant
Charles-Marie Widor (1844-1937)
Sinfonía para órgano n.° 5 en fa menor, op. 42 n.° 1 (1879)
– I. Allegro vivace
– II. Allegro cantabile
– V. Toccata
Marģeris Zariņš (1910-1993)
Concerto para órgano e orquestra n.º 1, «Innocente» (1969)
– I. Allegro gaio
– II. Andante pensieroso
– III. Allegro volando
Daniel Sanmartín Nieto, órgano
Orquesta Clásica de Vigo
Manuel Martínez Álvarez-Nava, dirección
Entre finais do século XIX e a segunda metade do XX, Europa viviu unha época de extraordinaria confianza na capacidade da arte para reinventar o mundo. A música non foi allea a ese impulso: do refinamento poético da Belle Époque ás linguaxes máis contrastadas e abertas da posguerra, cada xeración tentou debuxar a súa propia imaxe do futuro.
Este programa percorre o rol do repertorio organístico nese horizonte. Marco Enrico Bossi, quizais o primeiro concertista internacional de órgano en sentido moderno, preséntase con espírito virtuoso, afirmando con enerxía a vocación do órgano como instrumento de concerto; a Petite suite de Debussy abre un espazo de evocación e cor, inspirado polo ánimo cosmopolita que trouxeron consigo as exposicións universais de París; a compositora Claire Delbos (pseudónimo de Louise-Justine Delbos-Messiaen) explora nas súas Dúas pezas para órgano sobre temas sacros a lírica modal, a tímbrica do instrumento e a microelaboración contrapuntística, aspectos que forman parte da mesma nova linguaxe musical que consagraría o seu marido Olivier Messiaen; Widor leva ao seu cumio o xénero da sinfonía para órgano, demostrando unha xestualidade abraiante que pretende espellar a marabilla da modernidade; por último, o autor letón Marģeris Zariņš ofrece unha música de movemento e contraste, á vez lixeira e pensativa, ligada á nova tecnoloxía musical e acorde coa dualidade contrastante entre a esfera pública e a privada que a miúdo caracterizou a obra dos artistas que medraron na Unión Soviética.
Daniel Sanmartín Nieto, órgano
Nado en Pontevedra, Daniel completa as ensinanzas profesionais de música en Percusión e Piano e, no Conservatorio Superior de Música de Vigo, obtén os títulos superiores en Etnomusicoloxía e Musicoloxía Histórica baixo a titoría de Javier Jurado, coas máximas cualificacións e premio extraordinario fin de estudos. No Conservatorio Santa Cecilia de Roma acada cum laude os diplomas de segundo ciclo en Disciplinas Históricas, Críticas e Analíticas da Música —baixo a supervisión de Cecilia Campa—, en Cravo e Teclados Históricos —coa guía de Enrico Baiano— e en Órgano e Composición Organística —como discípulo de Alberto Pavoni—, completando a súa formación co estudo da Dirección. É autor de diversas publicacións académicas e ten colaborado como relator con entidades como a Pontificia Universidade Lateranense, o Conservatorio de Roma, o Museo de Arte Contemporánea de Vigo, a Fundación G. P. da Palestrina ou a asociación Nuova Consonanza. Cun interese artístico que se estende desde a música antiga ata a creación contemporánea interdisciplinar, ten ofrecido concertos como solista ao órgano, cravo e fortepiano en institucións como o Museo Nacional de Instrumentos Musicais de Roma, a sala académica do conservatorio da mesma cidade, a Fundación Varrone de Rieti, o Instituto Histórico Xermánico de Roma, o Festival Internacional de Percusión de Almería, o festival Un organo per Roma, o festival Improbabylon de Roma ou o festival Híbridas de Santa Clara en Pontevedra. Colaborador habitual da Clásica, exerce como vicedirector artístico do festival organístico 8pés desde a súa primeira edición, do ano 2021.
Manuel Martínez Álvarez-Nava, director titular e artístico
Nacido en Oviedo en 1957. Discípulo do mestre Alfonso Ordieres Rivero, estuda violín e viola no Conservatorio Superior de Asturias. Posteriormente amplía os seus estudos de viola con Enrique Santiago. Estuda dirección de orquestra co mestre Jacques Bodmer, discípulo do lendario mestre Hermann Scherchen. Foi profesor violista da Orquesta Sinfónica de Asturias «Angel-Muñiz Toca» entre 1977 e 1983. Fundador, solista e concertino da Orquesta Universitaria de Oviedo, da que tamén foi director adxunto. De 1983 a 2023 foi catedrático de violín no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Recentemente foi director convidado en cidades como Porto, L’Aquila, Viana do Castelo, Trento ou Hamburgo. É o director titular da Orquesta Clásica de Vigo desde a súa creación en 1984.
Orquesta Clásica de Vigo
A Orquesta Clásica de Vigo, decana de Galicia, naceu en 1984 da man do seu director titular e artístico Manuel Martínez Álvarez-Nava, configurando un proxecto que ofrece a súa programación anual na cidade de Vigo. Nos máis de 40 anos de historia da entidade, as obras interpretadas superan as 600, sendo isto un exemplo de aposta pola diversidade na música. Nos últimos anos realizou propostas de danza, cinema en directo, bandas sonoras, propostas actuais e obras consagradas. Trátase dunha formación que aposta pola innovación, os novos formatos e o traballo entre disciplinas, espazos e estilos. Polos seus atrís pasaron máis de 700 instrumentistas de toda Galicia e do Norte de Portugal, con máis de 160 solistas. A Orquesta Clásica de Vigo non entende de estilos ou etiquetas na súa programación, que se acolle como unha oportunidade para explorar a riqueza do patrimonio musical e atraer a públicos distintos aos da música clásica tradicional.
DANIEL OLIVEIRAA música para órgano en Portugal a partir de 1800: a influencia francesa Marcel Courtonne (1883-1954) Grand Choeur (ca.…
DANIEL OYARZABAL + MIRIAM HONTANAMaurice Duruflé (1902-1986) Toccata, da Suite para órgano, op. 5 Antonio Vivaldi (1678-1741) Concerto para dous…
FERNANDO BUIDEOlivier Messiaen (1908-1992) O banquete celeste (1928) Girolamo Frescobaldi (1583-1643) Ricercare cromático para despois do Credo, dos Fiori…
ALMA BETTENCOURTCharles-Marie Widor (1844-1937) Allegro, da Sinfonía para órgano n.° 6 en sol menor, op. 42 n.° 2 (1878) Camille…
PETER HOLDERJohann Sebastian Bach (1685-1750) Preludio e fuga en mi bemol maior, BWV 552 (ca. 1724) William Byrd (1540-1623)…