
A tempada comeza en do menor con dúas obras cumio do repertorio para orquestra de Ludwig Van Beethoven, nun concerto marcado pola expresividade dun autor que recollía as teses expresivas e marcaba o camiño a seguir.
O Concerto para piano nº 3 en do menor, Op. 37, composto en 1800 e estreado en 1803 con Beethoven como solista, representa unha obra fondamente persoal e intensa. A diferenza dos dous concertos anteriores, este ten un ton máis dramático e serio, próximo ao estilo heroico que o compositor desenvolvería na súa seguinte etapa. A obra comeza cunha orquestra solemne que prepara a entrada do piano e introduce contrastes dinámicos e unha grande riqueza expresiva. O segundo movemento, un Largo en mi maior, ofrece un momento de profunda introspección, mentres que o terceiro movemento recupera o carácter enérxico e virtuoso. Este concerto non só consolida a Beethoven como un innovador no xénero, senón que tamén reflicte a súa evolución artística e o seu dominio tanto do piano como da orquestración.
A Sinfonía nº 5 en do menor, Op. 67 de Ludwig van Beethoven é unha das composicións máis emblemáticas da música clásica. Composta entre 1804 e 1808, esta sinfonía distínguese polo seu motivo inicial coas catro notas máis famosas da historia da música, as mesmas que moitos interpretan como o destino chamando á porta. Ao longo dos seus catro movementos, Beethoven transforma este motivo nunha viaxe marpada polo dramatismo e expresividade dese do menor, culminando nun final triunfante en do maior. Esta sinfonía marcou un punto de inflexión na historia da música, non só pola súa forza emocional e estrutura innovadora, senón tamén polo poder expresivo dun Beethoven plenamente romántico.
Programa:
Concerto para piano n.º 3 en do menor, Op. 37
I. Allegro con brio
II. Largo
III. Rondo. Allegro
Sinfonía n.º 5 en do menor, Op. 67
I. Allegro con brio
II. Andante con moto
III. Scherzo. Allegro
IV. Allegro
Solista: Severino Ortiz
Dirixe: Manuel Martínez Álvarez-Nava
Severino Manuel Ortiz Rey, piano
Nado en Pontevedra, recibe a súa formación pianística máis apreciada e valiosa da profesora Vladimira Smausová. Tras obter os títulos superiores de Piano e Música de Cámara no Conservatorio Superior de Música de Vigo, completa a súa formación na Academia Superior de Música e Artes Escénicas de Praga (República Checa) coas ensinanzas da profesora Dagmar Simonková e do profesor Frantisek Maly (1998–2000). Como solista, colaborou coas orquestras Vigo 430, Clásica de Vigo e Filharmónica de Pontevedra, interpretando os concertos n.º 3, 4 e 5 de Beethoven, o n.º 1 de Chopin, o n.º 1 de Liszt e o concerto para dous pianos de Poulenc.
Desde 2003 forma un dúo estable co seu amigo, o tenor José Antonio Campo Edesa, con quen ten ofrecido recitais en diferentes cidades de España e do estranxeiro. Cómpre destacar a súa participación no XXIII Festival Internacional de Voces de Altafulla (2010), a xira por Bolivia en 2009 organizada pola AECID con motivo do Bicentenario do Grito Libertario, e o recital polo ano Liszt en Ljubljana (Eslovenia), organizado polas embaixadas de España e Hungría (2011). Na súa faceta como músico de cámara, goza colaborando habitualmente co Ensemble Vigo 430 e tocando con solistas como Rusanda Panfili, Lir Vaginsky, Lea Hennino, Cristina Goicea, Virginia Lis e Sindy Mohamed. Non menos importantes son os proxectos realizados co violinista Mario Peris e o clarinetista Roberto Noche, cos que ten difundido música de compositores galegos actuais como Jacobo Gaspar ou Octavio Vázquez, no contexto do programa Erasmus+ (Vilnius, Belgrado, Tirana, 2017–2019).
En 2018 foi convidado pola ADEC para participar como pianista acompañante no VIII Congreso Nacional de Clarinete, celebrado en Torrent (Comunidade Valenciana). Recentemente, ofreceu o recital inaugural do IX Congreso ADEC xunto a Philippe Berrod e Sharon Kam (Vigo, 2022).