12 de Agosto ás 21:00h Auditorio de San Bieito, A GUARDA
No ano 2024 celebramos o centenario da estrea de La leyenda del beso, obra fundamental no repertorio de Reveriano Soutullo. Nacido en Ponteareas en 1880, é un dos compositores máis importantes da historia de Galicia, e sen dúbida, convertiuse no autor galego máis versionado da historia grazas á súa repercusión e gravacións posteriores en Iberoamérica.
Soutullo, grazas ao traballo con Juan Vert, acadou o recoñecemento coas súas zarzuelas, tendo un espazo incontestable entre os artistas máis importantes do primeiro terzo do século XX no xénero lírico. De feito, ao pouco do seu falecemento en 1932, Jesús Bal y Gay cualificouno de «académico de la zarzuela». Obras como La serenata del pueblo (1909), La paloma del barrio (1911), Amores de aldea (1915), La leyenda del beso (1924), Encarna la Misterio (1925), La del Soto del Parral (1927) ou El último romántico (1928), son a parte máis recoñecida do seu legado. Mais tampouco debemos esquecer a súa contribución ao noso patrimonio musical a través das transcricións, arranxos, música para piano, as súas aportacións á música lixeira ou música de banda, cun inesquecible pasodobre «Puenteareas».
Neste concerto queremos poñer en valor a música que lle dedicou á súa terra, patria repartida entre Ponteareas, Redondela e Vigo, recuperando as obras que lle dedicou a estas localidades. «Puenteareas» é un himno, ao que se lle suma dúas obras recuperadas e reinstrumentadas por Manuel Martínez Álvarez-Nava, director da Orquesta Clásica de Vigo: A suite Vigo e o pasodobre Redondela, que será unha estrea absoluta neste ciclo.
Programa
Reveriano Soutullo (1880 – 1932)
Otoñal “Polka para piano e cordas”
Suite Vigo, “Suite sobre cantos rexionais galegos”
I. Andante. Allegro moderato. Allegro giusto. Quasi presto. Andante
II. Lento moderato
III. Muiñeira. Allegro. Allegro mosso. Più stretto
Redondela “Pasodobre” (Estrea Absoluta)
Puenteareas “Pasodobre”
Dirixe: Manuel Martínez Álvarez-Nava
Entrada de balde ata completar a capacidade