Cargando eventos

« Todos os eventos

Cuarteto para resonadores “Humanless”

18 Abril. 20:00 - 21:00

No ano 2024 a Orquesta Clásica de Vigo interpretou As sete últimas palabras de Cristo na Cruz, obra composta por J. Haydn en 1787. En paralelo, convidouse o artista sonoro asturiano Miguel Fernández para revisitar esta interesantísima peza do autor austríaco desde unha óptica contemporánea que pon o foco na mecánica do son.

Miguel Fernández explora a esencia artística do son a través da electroacústica e do traballo cos resonadores dispostos con pezas de cartón. Así crea a obra Collage 5, que reinterpreta a peza de Haydn desde a perspectiva do seu proxecto “Humanless”, o cal aborda o feito esencial do son na súa condición de aire vibrando, partindo dunha recollida de datos en instrumentos de corda naturais.

A segunda parte do concerto levará por título Sentenza nº 4, baseada no Funeral da raíña Mary de Purcell, unha peza composta para o proxecto “Práctica electroclásica”, realizado no MARCO no ano 2019 e que reinterpretaba unha peza barroca desde a electrónica. Neste caso, os resonadores pasarán a emitir son creado de forma sintética, afastándose así das referencias naturais e manifestando tanto a diversidade como as posibilidades estéticas que ofrece este cuarteto Humanless de resonadores.

 

Programa: 

Collage 5, baseado nas obra de Haydn As sete palabras de Cristo na Cruz.

Sentenza Thou knowest Lord baseado no Funeral da raiña Mary de Purcell

 

Cuarteto para resonadores “Humanless”
Artista sonoro: Miguel Fernández

 

Miguel Fernández, artista sonoro

Miguel Fernández naceu en Xixón en 1952. Estudou electrónica na súa cidade natal e música no Conservatorio Profesional de Música de Oviedo. En 1971 comezou a compoñer música electroacústica, empregando para iso un laboratorio de son deseñado e construído por el mesmo. En 1978 funda —xunto con varios artistas plásticos— o grupo de arte vangardista Gruva, co obxectivo de achegar o mundo musical á arte plástica. Desde entón, ten realizado concertos de música electroacústica con obras de composición propia en España, Francia, Suecia, Alemaña, Portugal e os Estados Unidos.

De 1976 a 1989 formou parte —como profesor de contrabaixo— da Orquestra Sinfónica de Asturias, coa que obtivo a Medalla de Ouro ao Mérito nas Belas Artes. Participou no grupo impulsor e fundador da Universidade Popular Municipal de Xixón. De 1989 a 2016 foi profesor de Acústica Musical no CONSMUPA (Conservatorio Superior de Música do Principado de Asturias) e responsable do laboratorio de Acústica deste centro, co que realizou traballos de investigación sobre o funcionamento dos instrumentos musicais, presentados en diversos congresos nacionais e internacionais.

É membro do Instituto MAP (Música, Arte e Proceso) de Vitoria-Gasteiz, desde onde colabora en traballos de investigación sobre os efectos da arte no ser humano. Formou parte do claustro de profesores que imparten a formación do Máster en Musicoterapia neste centro. No ano 2000 adheriuse ao colectivo Espacio Cerámica, formado por artistas plásticos e educadores procedentes da Escola Operativa Italiana, co fin de integrar a Arte Sonora e a Arte Visual no traballo artístico dun mesmo creador.

Detalles

  • Data: 18 Abril
  • Hora:
    20:00 - 21:00

Recinto

  • Igrexa de Santa Maria de Castrelos
  • Rúa dos Mestres Goldar, 16, 36201 Vigo, Pontevedra + Google Map