ALBERTO PAVONI · 22 de novembro ás 21:00h
Non menos importante é o papel do órgano como verdadeiro utensilio para a experimentación artística, no que a incorporación de linguaxes musicais forasteiras conforma, paradoxicamente, unha das súas características máis idiomáticas e non só permite, senón que favorece a adquisición de repertorios alleos á concepción inicial do instrumento. Neste sentido, Alberto Pavoni presenta un exemplo paradigmático, coa transcrición dun concerto para dous violíns de Antonio Vivaldi (pertencente á celebérrima colección L’estro armonico, op. 3) realizada por —nada menos que— Johann Sebastian Bach, quen nunca visitou Italia, pero que demostrou nas súas transcricións un profundo interese e coñecemento do estilo italiano. Esta peza dalgún xeito establece unha contrastante simbiose co magnum opus organístico de César Franck, que fila de novo coas orixes francesas do noso instrumento. Completan o programa Frescobaldi e Morandi, autores separados por case dous séculos que, sen embargo, evidencian na súa obra a dobre expresión sacra e teatral que caracteriza a historia musical do Belpaese.
G. Frescobaldi (1583-1643)
Aria detta «la Frescobalda»
G. Morandi (1777-1856)
Allegro deciso
J. S. Bach (1685-1750)
Concerto para órgano en la menor, BWV 593
I. Allegro
II. Adagio
III. Allegro
Transcrición do Concerto para dous violíns, op. 3 n.º 8, de A. Vivaldi (1678-1741)
C. Franck (1822-1890)
Grande pièce symphonique, op.17
I. Andantino serioso — Quasi ad libitum — a tempo — Allegro non troppo e
maestoso
II. Andante — Allegro — Andante
III. Allegro non troppo e maestoso — Beaucoup plus largement que
précédemment