Cargando eventos

« Todos os eventos

  • Este evento pasou.

Festival 8pés: Miriam Cepeda

21 Novembro 2024. 21:00

MIRIAM CEPEDA · 21 de novembro ás 21:00h

O influxo francés do que falábamos xa estivera moi presente no País Vasco desde as últimas décadas do século XIX e deixou unha importante pegada en forma da adquisición de instrumentos moi notables e do modo en que a súa chegada a España condicionou un cambio de visión na organería (non é casualidade que Alberdi fose natural de Gautegiz Arteaga e o seu mestre, Amezua, de Azpeitia). Neste contexto, foron os músicos vascos os primeiros en poñer o ollo (e os pés) máis aló dos Pireneos (o afamado Jesús Guridi estudou en París e Bruxelas, precisamente con Jongen), na busca dun novo estilo compositivo que explotara as características dos órganos que pouco a pouco comezaban a poboar as súas terras, pero tamén que satisfixese os requisitos do novo paradigma estético afianzado no contexto eclesiástico a partir de 1903 coa promulgación (o día de Santa Cecilia, 22 de novembro) do motu proprio de San Pío X Inter sollicitudines, que, entre outras cuestións, promovía a tradición do canto gregoriano e exhortaba os novos músicos a tomalo como fonte de inspiración. A bilbaína Miriam Cepeda preséntanos un programa plenamente enmarcado nesta rica conmixtión da tradición musical da Igrexa, a exploración de novas vías compositivas e a innovación técnica no órgano que se deu a comezos do pasado século e permitiu a incorporación no noso país de elementos construtivos e técnicos hoxe plenamente adquiridos, como o uso do pedaleiro completo, as enteiras divisións encerradas nunha caixa expresiva… ou a substitución da nomenclatura para as tesituras dos rexistros, dos tradicionais 13 palmos ibéricos aos 8 pés.

PROGRAMA

E. de Gorosarri (1890-1947)
Carillón
Improvisación sobre un canto vasco

J. Guridi (1886 – 1961)
Pastorela (Escola Española para Órgano)
Ofertorio: fragmento do auto sacramental “O cansancio do home”

J. Jongen (1873-1953)
Pastorale
Marche
Petit Prelude

J. Urteaga (1882-1960)
Scherzo e Cantabile
B. de Gabiola (1880-1944)
Invocación

M. Rodríguez (1871-1961)
Glosa sobre o Himno “Veni Creator Spiritus”

Detalles

Recinto

  • Concatedral de Vigo
  • Praza da Igrexa, 10
    Vigo, Pontevedra 36202 Spain