
Olivier Messiaen (1908-1992)
O banquete celeste (1928)
Girolamo Frescobaldi (1583-1643)
Ricercare cromático para despois do Credo, dos Fiori musicali (1635)
György Ligeti (1923-2006)
Ricercare para órgano, homenaxe a Girolamo Frescobaldi (1953)
Johann Sebastian Bach (1685-1750)
Heut’ triumphieret Gottes Sohn, BWV 630
O Mensch, bewein dein Sünde gross, BWV 622
Wer nur den lieben Gott lässt walten, BWV 642
do Orgelbüchlein (ca. 1717)
Robert Schumann (1810-1856)
Fuga sobre B-A-C-H, op. 60 n.º 3 (1845)
Max Reger (1873-1916)
Romanza en la menor, WoO IV/11 (1904)
Fernando Buide (1980)
Preludios litúrxicos, para Santa María de Vigo (2026, estrea absoluta)
O programa do concerto propón unha panorámica ampla por algunhas das principais achegas estéticas na literatura organística. O feito de presentar as obras sen seguir unha continuidade cronolóxica anima a descubrir vencellos entre épocas e autores diversos.
Así, poderemos escoitar como Frescobaldi, un dos pais da literatura organística no Barroco, inspirou a György Ligeti, unha das grandes voces do século XX, pois soará o seu Ricercare da célebre Musica Ricercata na versión para órgano do autor e o Ricercare post il Credo de Frescobaldi, no que o húngaro atopou inspiración. O gran compositor para o órgano J. S. Bach soará en varias das pequenas pezas do seu Orgelbüchlein. Entre elas escoitarase O Mensch, bewein dein Sünde gross (Oh home, chora os teus grandes pecados), que pode considerarse unha das pezas máis íntimas e melodicamente inspiradas do mestre de Eisenach. No programa figuran tamén dous compositores para os que Bach foi unha figura referencial. Por unha banda, Robert Schumann, quen redescubriu o legado do compositor e de quen escoitaremos unha fuga baseada nas notas que constitúen a firma musical de Bach na nomenclatura alemá (si bemol, la, do, si natural). Por outra, Max Reger, xa na transición ao século XX, quen tenta recoller e afondar no legado contrapuntístico de Bach, neste caso escoitando unha das pezas máis aforísticas dentro do seu catálogo. O programa do concerto iniciarase cunha meditativa peza de Olivier Messiaen, Le banquet céleste (O banquete celeste), a través da que poderemos adentrarnos no universo harmónico dun dos maiores creadores para órgano no século XX.
O concerto pecharase coa estrea dos Preludios litúrxicos para Santa María de Vigo. Estas pezas nacen comisionadas polo Festival de órgano de Vigo 8pés, pensadas para o órgano Alberdi da Concatedral de Santa María de Vigo. Inscríbense na tradición organística de pezas que poidan integrarse de maneira práctica na liturxia. De aí os nomes que percorren diferentes momentos da misa, desde a entrada, a meditación ou o ofertorio ata a comuñón ou a saída. Desta maneira, inténtase proseguir o camiño da creación de literatura pensada para a vida litúrxica dos lugares e dos seus órganos. Sen detrimento de que poidan formar parte do repertorio concertístico, estas pezas aspiran a ter un uso práctico e habitual —como, por outra parte, sucede cunha parte moi significativa da música escrita para órgano ao longo dos últimos séculos—. A colección conforma un mosaico de pequenas pezas que poden escoitarse individualmente ou formando unha constelación maior.
Fernando Buide, órgano
Organista residente da Catedral de Santiago de Compostela, Buide formouse como instrumentista e compositor nos conservatorios de Oviedo e Santiago de Compostela, así como na Universidade Carnegie Mellon de Pittsburgh e na Universidade de Yale, onde recibiu o seu doutoramento. Discípulo dos organistas Antonio Díaz Corveiras e Donald Wilkins, foi titular da igrexa presbiteriana de Forest Hills en Pittsburgh. Activo como compositor e intérprete, a música de Buide abarca desde obras de cámara e solista ata óperas e pezas sinfónico-corais. As súas obras foron interpretadas por formacións internacionais como as orquestras de Filadelfia, Pittsburgh e Minnesota, así como por moitas das orquestras sinfónicas españolas (Sinfónica de Madrid, ROSS, OSPA, RTVE, Tenerife, Gran Canaria, etc.). Colaborou con directores como Roberto González, Paul Daniel, Osmo Vänska, Libor Pesek, Pablo González, Lorenzo Viotti, José Ramón Encinar, Miguel Hart-Bedoya, Clemens Schuldt, Rossen Milanov ou Jaime Martín. Entre as súas estreas sinfónicas destaca o seu concerto para órgano e orquestra, encarga da Orquestra Nacional de España e estreado por Juan de la Rubia no órgano Grenzing do Auditorio Nacional de Música en Madrid. Cun interese especial pola música vocal, Buide presentou a súa primeira obra escénica, A amnesia de Clío, en 2019, con dirección escénica de Marta Pazos e dirección musical de Paul Daniel. Entre as súas estreas máis recentes destaca Ruada, obra encarga da Orquestra Sinfónica de Galicia para abrir os concertos da súa xira de presentación polo Reino Unido. Compositor residente na Real Academia Española de Roma, tamén recibiu premios como o AEOS-BBVA, o Premio Michael Friedmann de investigación, bolsas da Fundación Barrié e a bolsa Leonardo da Fundación BBVA. Este ano ocupou a cátedra de composición do curso Música en Compostela.
DANIEL OLIVEIRAA música para órgano en Portugal a partir de 1800: a influencia francesa Marcel Courtonne (1883-1954) Grand Choeur (ca.…
DANIEL OYARZABAL + MIRIAM HONTANAMaurice Duruflé (1902-1986) Toccata, da Suite para órgano, op. 5 Antonio Vivaldi (1678-1741) Concerto para dous…
FERNANDO BUIDEOlivier Messiaen (1908-1992) O banquete celeste (1928) Girolamo Frescobaldi (1583-1643) Ricercare cromático para despois do Credo, dos Fiori…
ALMA BETTENCOURTCharles-Marie Widor (1844-1937) Allegro, da Sinfonía para órgano n.° 6 en sol menor, op. 42 n.° 2 (1878) Camille…
PETER HOLDERJohann Sebastian Bach (1685-1750) Preludio e fuga en mi bemol maior, BWV 552 (ca. 1724) William Byrd (1540-1623)…
DANIEL SANMARTÍN + ORQUESTA CLÁSICA DE VIGODebuxando o mañá: o órgano da Belle Époque á era espacial Marco Enrico…