SOUTULLO: O centenario dun mestre da zarzuela
15 de febreiro ás 20:30h
Auditorio do Teatro Afundación de Vigo

Entradas en Ataquilla

No ano 2024 celebramos o centenario da estrea de La leyenda del beso, obra fundamental no repertorio de Reveriano Soutullo, nacido en Ponteareas en 1880, un dos compositores máis importantes da historia de Galicia que levou o nome de Vigo por toda España, e a súa grandeza excede a súa obra, pois cimentou os piares da música na nosa cidade.
Soutullo, grazas ao traballo con Juan Vert, acadou o recoñecemento coas súas zarzuelas, tendo un espazo incontestable entre os artistas máis importantes do primeiro terzo do século XX no xénero lírico. De feito, ao pouco do seu falecemento en 1932, Jesús Bal y Gay cualificouno de «académico de la zarzuela». Obras como La serenata del pueblo (1909), La paloma del barrio (1911), Amores de aldea (1915), La leyenda del beso (1924), Encarna la Misterio (1925), La del Soto del Parral (1927) ou El último romántico (1928), son a parte máis recoñecida do seu legado.
Mais tampouco debemos esquecer a súa contribución ao noso patrimonio musical a través das transcricións, arranxos, música para piano ou música de banda, cun inesquecible pasodobre “Puenteareas”. Pero sen dúbida a súa inmortalidade chegaría grazas á música gravada. De feito, en 1934, La leyenda del beso convertíase na banda sonora dos vigueses e vigesas grazas á sintonía de Radio Vigo.
Este concerto servirá a modo de repaso das súas principais obras para orquestra, pechando así un percorrido iniciado o 18 de xaneiro para coñecer en profundidade os múltiples aspectos que conforman o seu legado. Unha homenaxe a esta figura fundamental da nosa historia.