DESCARGA AQUÍ O FOLLETO COA PROGRAMACIÓN

Estamos encantados de presentar unha nova tempada da Orquesta Clásica de Vigo, a vosa orquestra con 39 anos historia, que mantén o dinamismo e esencias intactas nese apaixonante afán conxunto por descubrir novas músicas en directo. Un proxecto que se nutre de artistas da nosa terra cun motivo capital: defender a importancia de ter un son propio para deixar pegada con el na nosa cidade.

Por este motivo, a programación desta tempada empeza cunha referencia a ese son propio e recoñecible, aspectos que se traballan durante todo o ano, pois queremos falar da importancia do acento.

Os acentos, ese conxunto de peculiaridades na fala, son o testemuño vivo do vínculo e transmisión das xentes nun territorio. Un proceso que tamén se atopa na música, e que traballamos en cada ensaio. Existen na música formas moi distintas de falar: unha gran diversidasidade formal de estilos, escolas e correntes que nos permite abordar un repertorio inmenso e descubrir o que nos quere dicir ela: a música.

A orquestra ten voz, unha propia, e facemos equipo ensaio a ensaio para poder defender o noso acento, ese exemplo de esencia e legado que sobrevive ás modas. Neste traballo, a programación é un medio para chegar a ese son e traballar a dicción e a fala. Só así, abordando a diversidade desde a óptica propia, podemos comprender e gozar da riqueza e variedade oculta tras unha partitura.

Na tempada 2023.2 ofreceremos tres concertos nos que contaremos con dous grandes pianistas como son Severino Ortíz, interpretando o Concerto para piano en re menor n. 20 de W. A. Mozart e Abe Rábade, quen pechará esta media tempada coa inconfundible Rhapsody in blue, de G. Gershwin. Ademais interpretaremos obras de artistas conectados entre si para tecer un universo formal con obras de L. v. Beethoven, F. J. Haydn, F. P. Schubert, S. Coleridge-Taylor, R. Strauss ou C. W. Gluck, artistas alucinantes todos eles que contribúen a consolidar a forma orquestral.

Unha programación diversa que reflexiona sobre a esencia da orquestra, conducíndonos constantemente ao clasicismo e xirando arredor deste estilo e as súas ramificacións – sección de vento, orquestra clásica e orquestra sinfónica – para explorar os distintos formatos de orquestra nunha proposta de repertorio coas pezas diliberadamente relacionadas entre si.

Coma sempre, cada tempada é unha aventura; unha oportunidade para descubir novas músicas e ilusionarse grazas ao encontro en directo coas grandes pezas que xa coñecemos.

Grazas por acompañarnos un ano máis nesta viaxe.

DESCARGA AQUÍ O FOLLETO COA PROGRAMACIÓN