Presentamos o 8pés 2025
O 8pés, o festival de órgano de Vigo, volve neste mes de novembro para celebrar a súa V edición cunha proposta consolidada que aposta pola excelencia. Catro días de música que concentrará as grandes figuras deste instrumento na nosa cidade para celebrar algo moi pequeno e marabilloso: en Vigo temos un órgano Alberdi de 1909.
Por este motivo queremos, ante todo, darche a benvida un ano máis e sobre todo as grazas por apostar por este proxecto tan singular. Grazas a ti somos quen de seguir, alimentar a ilusión e as enerxías e sacar forzas para chamar ás portas das grandes figuras do panorama organístico. Queremos sorprenderte un ano máis e deixarte sen palabras para compartir contigo a paixón e o amor pola música.
Como xa sabes, este festival naceu para dar a coñecer un instrumento polo que sentimos verdadeira fascinación e que estaba esquecido. Queriamos poñer en valor esta xoia dos vigueses e viguesas, contribuíndo ano a ano ao seu mantemento, pero sen deixar nunca de lado a súa función fónica para crear así un centro de excelencia artística.
Un órgano é unha desas excepcionalidades nas que se encontran a historia, a música, o patrimonio, a memoria, a liturxia, o misterio, a grandiosidade, a modernidade… Conceptos que funcionan como un continuum e non se entenden por separado. Ser capaces de transmitir entre o público esta grandeza e contundencia contida nun instrumento tan camuflado nese espazo secundario do coro e celebrar a súa mera existencia e funcionamento. Unha máxima que compartimos e mantemos dende a primeira edición..
O órgano Alberdi de Vigo (1909) esperta cada ano no 8pés. Imponse na programación con contundencia e solemnidade, sorprendendo con esa cantidade inmensa de sons e decibeles que van dende o máis delicado ao máis atronador. Roxe facendo tremer as pedras ata os alicerces da man dos mellores artistas do panorama estatal e internacional.
En 2025 o cartel non pode ser máis ambicioso e sorprendente: Comezaremos con Diego Innocenzi, artista arxentino e organista titular do Victoria Hall, así como dos templos de Vandœuvres e de Saint-Gervais en Xenebra (Suiza) que viaxa a Galicia por primeira vez; Oscar Candendo, profesor da especialidade de órgano na Escola Superior de Música de Catalunya (Barcelona) e organista da S. I. do Bo Pastor, en San Sebastián; Olivier Latry, organista titular da Catedral de Notre Dame de París (Francia); remataremos con Enrique Martín-Laguna, organista titular da Catedral de Xetafe que xa foi parte do cartel no ano 2023 e que regresa nesta edición para poñerse á fronte da Orquesta Clásica de Vigo como solista no concerto de clausura.
Nesta historia fomos quen de congregar a grandes audiencias na Concatedral de Vigo, presentado unha proposta inédita ata o momento coa singularidade engadida de que o órgano non paraba de soar nesa, sempre, semana de Santa Cecilia. A nosa patroa.
Como non, dámoslles á benvida a este proxecto á Xunta de Galicia e ao Centro Nacional de Difusión Musical (CDNM-INAEM), que se suman nesta edición á Deputación de Pontevedra, á Diocese, á Concatedral e ao seu párroco, a Welgood, Melómano e A Movida. Entidades que reman a favor para que sexa posible que este instrumento siga soando para chegar a ti con honestidade e a mellor música. Porque o compromiso ten que ser mutuo.
Un ano máis, dende a Orquesta Clásica de Vigo, sentimos a gratitude e a responsabilidade, e por que non, a impresión ante o camiño percorrido nestes cinco anos, na semana dedicada ao órgano de Vigo.
Porque, como repetimos cada ano, en Vigo temos un órgano.
E, xa sabes, é o mellor que temos.
+ PUBLICACIÓNS NA NOSA WEB:
3 Novembro 2025
8PÉS 2025: ENRIQUE MARTÍN-LAGUNA + OCV
3 Novembro 2025
8PÉS 2025: OLIVIER LATRY
3 Novembro 2025
8PÉS 2025: ÓSCAR CANDENDO
3 Novembro 2025
8PÉS 2025: DIEGO INNOCENZI
3 Novembro 2025
8pés 2025: O son reencontrado
3 Novembro 2025




