8PÉS

O 8pés, o festival de órgano de Vigo, nace en 2021 para contribuír a divulgar e consolidar a escoita da música en directo do único órgano en Vigo, un instrumento construído en 1909 por Lope Alberdi e restaurado en 2015 por Federico Acitores.

O festival busca transmitir e celebrar a riqueza e singularidade dun patrimonio oculto mediante a aproximación práctica da cultura. Mediante a programación dos concertos e actividades, o 8pés emprega a música para coñecer, valorar e conservar o patrimonio restaurado entre a cidadanía.

Por este festival pasaron artistas como Loreto Aramendi, Arturo Barba, Fernando Álvarez, Juan de la Rubia, Daniel Oyarzabal ou Alize Mendizabal, ao que hai que sumarlle as actividades divulgativas, visitas e xornadas para coñecer o instrumento e os órganos da contorna como son os de Cangas ou Tui.

A programación cultural deste festival  mostra concertos de órgano con distintas formacións nas que busca transmitir a diversidade e capacidades artísticas dun patrimonio único, complementadas con actividades divulgativas que contribúan a entender a verdadeira dimensión deste instrumento.

Un festival para gozar, descubrir e deixarse sorprender.

UN CAMIÑO BEN TEMPERADO

Ciclo de cinco concertos de música antiga no Camiño Portugués que xunta a artistas das dúas marxes do río Miño para poñer en valor o pasado musical común de Galicia e Portugal.

Os arquivos das catedrais supoñen unha fonte de gran valor para a interpretación e a investigación musical da nosa contorna, pois cada un deles conserva a música que se interpretaba nos espazos relixiosos das dioceses. “O Camiño de Santiago era unha vía de conexión entre artistas e instrumentistas do norte de Portugal e Galicia. Con este proxecto queremos poñer en valor ese intercambio constante, a comunicación histórica e as influencias entre os dous países a través do repertorio histórico destes territorios”, comenta Manuel Martínez Torres, director do ciclo.

Co programa de “Un camiño ben temperado”, a Orquesta Clásica de Vigo procura xerar un espazo de troco e posta en común arredor da interpretación historicamente informada do repertorio ibérico e as súas ligazóns co exterior. Ademais, a orquestra promove a conexión entre artistas galegos e portugueses a través do patrimonio histórico do sur da provincia de Pontevedra, nun espazo correspondente coa diocese Tui-Vigo.

LABORATORIOS DE VERÁN

A Orquesta Clásica de Vigo presenta os seus Laboratorios de Verán para o mes de xullo na cidade, para ofrecer unha alternativa diferente ás rapazas e rapaces de Vigo e arredores con inquedanzas musicais.

Os dous laboratorios abordarán a orquestra como concepto creativo e transversal e están dirixidos a mozos e mozas de entre 10 e 16 anos. O primeiro será un laboratorio de son, que funcionará a modo de micro-residencia de base artística-tecnolóxica. O segundo será o laboratorio de orquestra, unha experiencia orquestral aberta que busca achegar esta práctica a novos talentos.

O Laboratorio de Son, para o que non é preciso ter formación musical, cunha duración de dúas semanas, busca xerar unha micro-residencia na que os participantes experimenten coa música e o son a través de instrumentos insólitos e das novas tecnoloxías.

O Laboratorio de Orquestra ten como obxectivo transmitir unha visión aberta da orquestra para fomentar a participación dos máis novos nun proceso de colaboración como é a práctica grupal. Cun formato de orquestra de corda, o repertorio aborda a diversidade e dinamismo dunha orquestra. En canto ás prazas ofertadas, destacan 6 ou 10 violíns primeiros, 6 ou 10 violíns segundos, 4 ou 6 violas, 6 ou 8 violonchelos e 3 ou 5 contrabaixos. Non obstante, poderanse realizar solicitudes de vento madeira, vento metal e percusión.