Notas de impresión

Este proxecto naceu como un xogo.

Queríamos involucrar á Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo na programación que fai a orquestra. Vernos cos ollos de outros e compartir a diversidade e riqueza que se agocha na música sinfónica en directo.

Con esta fin, convidamos ás aulas de serigrafía artística, debuxo e pintura. A proposta lanzada ao alumnado era simple: queríamos que interpretasen libremente os concertos da nosa tempada a través das técnicas que aprenden e perfeccionan na escola nas tres disciplinas participantes.

O resultado desta colaboración foi unha demostración de diversidade, creatividade e paixón plasmada en 30 carteis distintos, obras únicas que serán expostas nas rúas de Vigo. Unha proposta multidisciplinar e colaborativa que busca exceder os límites da orquestra e da escola para encher de arte as rúas da nosa cidade, empregando como soporte os MUPIs, un espazo destinado á publicidade que se convertirá durante este tempo nunha galería de arte aberta ao público.

“Notas de impresión” configúrase como proxecto efémero froito do encontro que convida ao espectador a atoparse con estas pezas únicas nos distintos recunchos da cidade.

Estas son as obras. Así é como imaxinaron a nosa música:

SERIGRAFÍA ARTÍSTICA

DEBUXO

PINTURA

Fotografías dos carteis: Rafael Ojea

O PROXECTO

A Orquesta Clásica de Vigo é unha entidade cultural viguesa sen ánimo de lucro que realiza unha actividade estable na nosa cidade e que busca fiar a súa proposta con outros axentes do territorio para contribuír á vitalidade cultural da contorna. Implicar a outras entidades para facelas partícipes dun proceso complexo como é unha orquestra permite amplificar a repercusión e dar sentido a todo ese traballo diario que se materializa nun concerto de apenas sesenta minutos.

Por este motivo entendemos que aproveitar o esforzo, abrir as portas e compartir as responsabilidades, permite ampliar a base de destinatarios destas actividades e que máis xente goce e sinta súa esta orquestra e os espazos nos que realiza a actividade. A música que facemos é para todos e todas.

Nesta liña, este proxecto busca integrar o traballo que se realiza nas aulas da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO) realizando unha mostra efémera en toda a cidade de Vigo aproveitando o soporte publicitario que ofrecen os MUPIs da cidade. Nela mostraranse 30 obras únicas froito do traballo realizado polo alumnado da EMAO nas disciplinas de serigrafía artística, debuxo e pintura, que comparten como temática ou fio conductor a programación da tempada da Orquesta Clásica de Vigo.

Queremos encher de arte as rúas de Vigo.

Agradecementos:
Ao alumnado da EMAO que participou neste proxecto; a Alba, Darío e Fredy por involucrarvos e facer posible esta colaboración; a Ignacio por deixarnos facer; a Rafa por retratalo; a Emma, Navia, Noa, Pedro e Sara, por posar; a Samu por contalo.

“Notas de impresión” é un proxecto da Orquesta Clásica de Vigo realizado en colaboración coa Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo (EMAO) no ano 2024.