CHEGA A TERCEIRA EDICIÓN
Este ano o festival chega á súa terceira edición e para celebralo faremos soar o órgano cos mellores organistas de España. Un festival que naceu para poñer en valor o órgano Alberdi de Vigo (1909), o único en funcionamento na nosa cidade e que foi restaurado no ano 2016. Un instrumento único qué é preciso poñer en valor entre todos nós e facelo soar para que non volte a ser esquecido.
Con este obxectivo, o 8pés Nestes dous anos contamos con organistas como Loreto Aramendi, Daniel Oyarzbal, Alize Mendizábal, Arturo Barba, Juan de la Rubia e Fernando Álvarez, ofrecimos un espazo na programación ao alumnado do CMUS de Ourense e realizamos dous concertos coa orquestra encaixando os instrumentistas entre o órgano. Neste pouco tempo fomos quen de construir un festival polo que pasaron os artistas máis destacados do panorama estatal e ao que asistiron máis de 1000 persoas en cada edición.
O órgano é un instrumento fascinante que presenta unhas posibilidades case ilimitadas. Unha desas rarezas xeniais que constitúen por si solas unha verdadeira chamada á imaxinación que non precisa de engadidos. Para este fin emprega como ferramenta un instrumento centenario que ata que empezou este festival moitos non sabían da súa existencia. Por este motivo quixemos seguir con este festival, porque pese a que os comezos non son doados, amamos o que facemos.
E aquí estamos, na terceira edición con Carlos J. Fernández Bollo, Roberto Fresco e Enrique Marín-Laguna. Por se non fora pouco chegar á terceira edición, un ano máis conseguimos traer aos mellores á nosa cidade.
O xoves 23 contaremos con Carlos J. Fernández Bollo, natural de Mugardos e premio nacional de órgano Francisco Salinas 2023. Un gran talento que está a saír da nosa terra que realiza na actualidade os seus estudos de mestrado en Holanda.
O venres 24 teremos a honra de escoitar a Roberto Fresco, organista da Catedral de Santa María a Real da Almudena de Madrid, un artista e mestre fundamental para entender a atualidade do órgano en España. Un auténtico mestre de mestres á par que gran artista, todo un luxo contar con alguén da súa talla facendo sar o noso órgano.
O peche do festival chegará o sábado 25 con Enrique Marín-Laguna, organista titular da Catedral de Santa Magdalena de Xetafe e que realiza na actualidade unha importante actividade concertística en Europa.
Nestes tres anos, no 8pés celebramos que en Vigo temos un órgano convidando aos mellores artistas coa intención de ilusionar e sorprender coa modernidade deste instrumento centenario. Entendemos a importancia de manter o patrimonio vivo e entender o seu valor, apostando pola utilidade no presente e aproveitando as leccións que nos pode aportar, pois ao empregalo evitamos que desapareza: é a única vía.
Benvidos e benvidas á terceira edición do 8pés.
+ PUBLICACIÓNS NA NOSA WEB:
20 Agosto 2024
Presentamos Un camiño ben temperado 2024
23 Xullo 2024
CONCERTOS ÁS BEIRAS DO MIÑO
10 Xuño 2024
Presentamos ao solista: Agustín Lage
10 Xuño 2024
21 de xuño: Día Europeo da Música 2024
1 Xuño 2024
40 aniversario da clásica
3 Febreiro 2024