O sábado 28 de outubro teremos a honra de voltar a contar co pianista Severino Ortíz no escenario do Teatro Afundación de Vigo interpretando o Concerto para piano e orquestra n 20 en re menor K. 466 de W.A. Mozart. Un auténtico luxo e unha honra para a nosa orquestra.
ENTRADAS Á VENTA EN ATAQUILLA DENDE 5€
Hoxe queremos presentar ao noso solista:
SEVERINO MANUEL ORTIZ REY, piano
Nacido en Pontevedra, recibe a súa máis apreciada e valiosa formación pianística da profesora Vladimira Smausová.
Tras obter os títulos superiores de Piano e Música de cámara no Conservatorio Superior de Música de Vigo, completa a súa formación na Academia Superior de Música e Artes Escénicas de Praga (República Checa) coa profesora Dagmar Simonková e o profesor Frantisek Maly (1998-2000).
Como solista, colaborou coas orquestras “Vigo 430”, “Clásica de Vigo” e “Filharmónica de Pontevedra”, interpretando os concertos 3, 4 e 5 de Beethoven, o 1 de Chopin, o 1 de Liszt e o concerto para dous pianos de Poulenc.
Ofreceu diversos recitais, entre os que destacan: un programa coas paráfrasis de Verdi-Liszt, para “Amigos da Ópera” (Santiago e Vigo, 2013); as sonatas opus 2 de Beethoven, no ciclo de integral de sonatas de Beethoven da Universidade de Santiago (2017); e un programa con música de Falla e Albéniz, ofrecido no Conservatorio Arrigo Boito de Parma en 2016, onde ademais, presentou unha conferencia titulada “O xesto do cante jondo en Albéniz e Falla”.
Desde 2003 forma dúo estable co seu amigo, o tenor José Antonio Campo Edesa, con quen ofreceu recitais en diferentes cidades de España e estranxeiro. Destacan a súa participación no XXIII Festival Internacional de Voces de Altafulla (2010), a xira de Bolivia de 2009, organizada polo AECID, con motivo do Bicentenario do Berro Libertario e o recital polo ano Liszt en Ljubljiana (Eslovenia), organizado polas embaixadas de España e Hungría (2011).
Na súa faceta de músico de cámara, goza colaborando habitualmente co Ensemble Vigo 430 e tocando con solistas como Rusanda Panfili, Lir Vaginsky, Lea Hennino, Cristina Goicea e Sindy Mohamed. Non menos importante son os proxectos realizados co violinista Mario Peris e o clarinetista Roberto Noite, con quen difundiu música de compositores galegos actuais, como Jacobo Gaspar ou Octavio Vázquez, no contexto do programa Erasmus+ (Vilnius, Belgrado, Tirana, 2017-2019).
En 2018 foi convidado por ADEC a participar como pianista acompañante no VIII Congreso Nacional de Clarinete, celebrado en Torrent (Comunidade Valenciana). Recentemente, ofreceu o recital inaugural do IX Congreso ADEC xunto a Philippe Berrod e Sharon Kam (Vigo, 2022).
Foi profesor de piano no Conservatorio Profesional de Música de Lugo (2001-2004).
Ofreceu recitais e impartido clases de piano e música de cámara, a través do programa Erasmus, nos conservatorios de Parma, Verona, Palermo, Istambul, Bari, Vilnius, Belgrado, Lecce, Trento, Tirana, Almaty, Esmirna, Saraievo e Cetiña.
Actualmente e desde o ano 2004 é pianista acompañante no Conservatorio Superior de Música de Vigo.
+ PUBLICACIÓNS NA NOSA WEB:
3 Novembro 2024
8 pés 2024 do 20 ao 23 de novembro
20 Agosto 2024
Presentamos Un camiño ben temperado 2024
23 Xullo 2024
CONCERTOS ÁS BEIRAS DO MIÑO
10 Xuño 2024
Presentamos ao solista: Agustín Lage
10 Xuño 2024
21 de xuño: Día Europeo da Música 2024
1 Xuño 2024